Skip to main content
Actualidade

O Goberno da Deputación destina 30.000 euros á atención de lucenses con cancro a través dos colectivos da provincia

Por 19 Outubro, 2017Sin comentarios

A Praza Maior de Lugo acollía un acto en conmemoración do Día Mundial contra o cancro de mama.

O Goberno da Deputación destina 30.000 euros á atención de lucenses con cancro a través dos colectivos da provincia, que son a Asociación Española contra el Cáncer e Somos Unidos por el Cáncer. Esta axuda permitiu, no último ano, ofrecer atención psicolóxica e social a 3.000 lucenses con esta enfermidade, así como levar a cabo campañas de concienciación, prevención e voluntariado; ademais de pór a disposición das familias un piso de acollida na capital lucense no que pernoitar ou descansar durante a súa estancia en Lugo con motivo do tratamento que reciben no HULA.

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo puxo en valor este xoves, Día Internacional Contra o Cancro de Mama, o traballo que desenvolven ditos colectivos. López Izquierdo subliñou que “debemos insistir na importancia de que as administracións coas competencias na materia, que son a Xunta e o Goberno Central, potencien accións de prevención, detención precoz e tratamentos para combater esta enfermidade. 1 de cada 8 mulleres podemos padecela. Coas medidas axeitadas, pódense reducir os casos de mortalidade nun 20%. Dende o Goberno da Deputación estamos comprometidos con esta causa. Por iso, contribuímos á importante labor que desenvolven os colectivos da nosa provincia”.

O Museo Provincial acolle a exposición Mama mía!

Mama Mía! Outras miradas ao cancro de mama
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Deputada de Cultura, Pilar García Porto, e á Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, inaugurou este xoves Mama Mía! Outras miradas ao cancro de mama. É a exposición que o Goberno Provincial leva ao Refectorio do Museo de Lugo dende hoxe e ata o 26 de novembro, que visibilizar á realidade de mulleres que sofren esta enfermidade. Faino a través das 44 fotografías que a artista Alex F. Romero realizou a doentes de cancro da unidade de mama do Hospital da Coruña durante o seu tratamento de quimioterapia. Con ela, búscase, ademais, proxectar e reivindicar o optimismo e a feminidade durante a enfermidade, facendo, deste xeito, un chamamento á normalidade e á comprensión. O horario para visitar a exposición é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

Pazo de San Marcos tinguido de rosa
O Goberno da Deputación tingue este xoves de rosa a fachada do Pazo de San Marcos para promover a loita contra o cancro de mama.