Skip to main content
Actualidade

Un gran lazo rosa preside a fachada da Delegación Territorial con motivo do Día contra o cancro de mama

Por 19 Outubro, 2017Sin comentarios

Un lazo rosa preside a fachada da Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

A fachada do edificio da Delegación territorial da Xunta en Lugo, luce un lazo rosa, símbolo da loita e da prevención sobre o cancro de mama. A administración autonómica súmase así ao Día mundial que se conmemora cada 19 de outubro co fin de concienciar sobre os xeitos de previr esta enfermidade.

A icona rosa, empregada a nivel mundial, serve tamén para desde a administración autonómica lembrar a importancia de participar no Programa galego de detención precoz do cancro de mama que impulsa a Consellería de Sanidade.

Grazas a este programa, que está plenamente implantado na comunidade autónoma galega, a mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participaron nos cribados descendeu nos últimos 25 anos en máis dun 20% respecto do previsto sen cribado, tal e como demostra un estudo realizado cos datos desta enfermidade entre os anos 1980 e 2012.

Tan só ao longo do pasado ano fixéronse, no marco desta iniciativa, 153.806 exploracións. Na provincia de Lugo a taxa de participación foi do 82,25%. No conxunto da Comunidade a maioría das exploracións realizadas ao longo do pasado ano o resultado foi a ausencia de lesións sospeitosas, tan só un 2,41% das mulleres exploradas foron remitidas a unha unidade de diagnóstico e tratamento para complementar as probas e obter un diagnóstico definitivo.

Dende a implantación do Programa de detención precoz do cancro de mama en 1992, a Consellería de Sanidade está a facer un esforzo constante para aumentar a actividade do mesmo e explorar cada ano a un número maior de mulleres, aumentando a participación sen incrementar os custos do programa e incrementando o seu rendemento, co obxectivo fundamental de diminuír a mortalidade provocada polo cancro de mama.

Procedemento
A lectura das mamografías realízase por dous radiólogos de xeito independente nas unidades de avaliación radiolóxica. Esta dobre lectura aumenta a sensibilidade da proba e a detección dos tumores máis pequenos, os que miden menos dun centímetro.

O Programa de detención precoz está dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia, de 50 a 69 anos, sen síntomas e sen diagnóstico previo de cancro de mama. O cribado ten unha periodicidade de dous anos. Ás mulleres obxectivo do programa envíaselles información sobre este por carta, antes da citación persoal para a realización da proba mamográfica. Envíase nos 10-15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que debe acudir para a realización da proba, así coma un número de teléfono para solicitar cambio de cita se fose preciso. Se a muller non acode, envíaselle unha nova citación, tamén por carta.

No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chegar a un diagnóstico, infórmase á interesada por carta certificada e con xustificante de recepción. Na mesma facilítase unha cita para ser atendida nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento. Esta carta remítese tres días antes da cita e, ademais, dous días antes da mesma, chámase á muller por teléfono para confirmala.