Galicia é a comunidade autónoma coa prevalencia de tuberculose bovina máis baixa do territorio peninsular

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, compareceu este venres na Comisión 7ª do Parlamento onde destacou que a nosa rexión é a comunidade autónoma coa prevalencia de tuberculose bovina máis baixa do territorio peninsular, cun 0,05% en 2016 fronte ao 2,87% nacional ou o 17% de rexións do sur do país, como Andalucía.

A directora xeral apelou á responsabilidade por parte dos gandeiros que traen animais doutras comunidades, pois poden chegar a supoñer un perigo para a cabana galega que, arestora, presenta uns índices moi baixos desta enfermidade. Así mesmo, tamén salientou que onte mesmo saía publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) que Galicia estaba indemne de brucelose bovina, o que demostra que os programas nacionais de erradicación e control deste tipo de enfermidades están dando resultados na nosa comunidade.

Belén do Campo explicou que cada explotación na que reacciona algún animal ás probas diagnósticas de campo é sometido a un estudo epidemiolóxico individualizado, para determinar con certeza se existe ou non a priori risco evidente da presenza da enfermidade. Naquelas explotacións nas que se comproba a existencia de risco evidente (explotacións con antecedentes de tuberculose confirmada, incorporación de animais con orixe en zonas de alta prevalencia, existencia de movementos de animais incontrolados…) os animais son sacrificados. Pero naquelas explotacións que a priori non teñen risco, sospeitándose da posible existencia de reaccións cruzadas con outras micobacterias, os animais non se sacrifican senón que son obxecto de novas probas diagnósticas. Ademais aplícanse protocolos de flexibilización nos movementos de animais, de tal xeito que ata a realización desas novas probas se permite a venda normal de tenreiros con destino a matadoiros e cebadeiros.

Sobre as axudas que perciben os gandeiros, a directora xeral sinalou que en Galicia non se ten constancia de que as medidas aplicadas sexan insuficientes, de feito son superiores ás existentes no resto das comunidades autónomas. Así, sinalou que os gandeiros afectados por esta enfermidade poden percibir o valor da carne dos animais, aboado polo matadoiro no que se sacrifiquen. Tamén teñen as indemnizacións polo sacrificio obrigatorio dos animais, importes que se incrementan nun 10% no caso de explotacións integradas nunha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira e nun 5% se pertencen a razas autóctonas. En calquera caso, estas axudas están dotadas orzamentariamente en Galicia con 800.000 euros anuais, suficientes para cubrir a totalidade dos sacrificios que se producen. Por último, os gandeiros tamén poden solicitar as axudas para a reposición dos animais, dotada con 300.000 euros, e as achegas polo lucro cesante , no caso de baleiro sanitario en toda a explotación.

Seguros agrarios
Noutra orde de cousas, Belén do Campo analizou a situación actual sobre a contratación de seguros agrarios. Así, sinalou que, a día 1 de outubro, hai 45.591 contratos, que supoñen un capital asegurado de 520.929.633 euros. Esta contratación está ligada á profesionalización do sector, de xeito que a liña máis asegurada é a de gando vacún para vida, especialmente no sector leiteiro, onde están as explotacións máis grandes e profesionais.

Por outra banda tamén está moi estendida a contratación de seguros agrarios na liña de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións gandeiras da Comunidade Autónoma, onde existe unha contratación de máis do 90%, quedando fóra só as explotacións máis pequenas. Nas liñas agrícolas a contratación é máis elevada nas liñas de uva para vinificación e principalmente na provincia de Pontevedra.

Seca
No referente aos problemas que tivo que afrontar o sector primario coa seca, a directora xeral explicou que se creou unha oficina técnica da seca para analizar a situación e tratar de tomar as medidas oportunas para garantir que as explotacións agrogandeiras tiveran acceso suficiente á auga.

Neste senso, a Xunta destina un millón de euros nas anualidades de 2017 e 2018 para subvencionar a construción de estruturas para o abastecemento de auga (balsas de almacenamento, abrevadeiros, conducións para abastecemento dos mesmos, captación e condución de auga, etc). Tamén, os equipos para mellora do abastecemento de auga ao gando como cisternas móbiles ou abrevadeiros móbiles. A contía a percibir, sinalou a directora xeral, terá como importe máximo por beneficiario uns 5.000 euros. Así mesmo, Belén do Campo lembrou que se solicitarán ao Ministerio de Facenda desgravacións do IRPF como xa se fixo outros anos.

Etiquetas