Vilalba acolle o L Campamento Galego de Espeleoloxía

O Concello de Vilalba ofrecía unha recepción aos grupos participantes no L Campamento Galego de Espeleoloxía.

Espeleólogos de toda Galicia reúnense esta fin de semana en Vilalba onde se desenvolve o L Campamento Galego de Espeleoloxía organizado polo grupo Ártabros -da asociación de montaña Ártabros- que traballa na espeleoloxía dende fai máis de 50 anos converténdose nun dos grupos máis importantes do noroeste peninsular.

Precisamente o seu traballo durante eses 50 anos de vida -exploracións, cursos de formación, cursos de espeleosocorro, campañas de estudos de quirópteros –morcegos-, participación en Congresos Internacionais, etc.- recóllese nunha exposición que se pode ver na Casa da Cultura. E no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba estará dispoñible entre o sábado 21 e o domingo 22 nos que se desenvolve o Campamento unha exposición sobre a evolución histórica dos planos da cova do Rei Cintolo –dende os primeiros de Villamil y Castro (1873) ata a actualidade-.

O campamento contará cunha mesa redonda de paleontoloxía e arqueoloxía relacionada con covas á que asistirá Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Paleontoloxía na Universidade da Coruña e director do Instituto Xeolóxico de Laxe; Carlos Fernández Rodríguez, profesor especialista en paleontoloxía da Universidade de León; Eduardo Ramil, director do MUPAV como especialista en arqueoloxía e outros convidados expertos en xeoloxía que completarán o grupo de debate que pretende abordar tamén cuestións medioambientais coma a doa tramitación dos permisos para as prácticas de espeleoloxía en terreos protexidos.

Tamén están previstas dúas saídas a covas que non son frecuentadas habitualmente para fotografalas e estudalas de novo. En Vilalba, tal e como indica Ramil, hai poucas covas. “Hai máis covas na imaxinación da xente que no soterrado: a Pena do Encanto e a cova pasadizo que dende a Pena de Miguel nunca chegou á Torre de Vilalba. Con todo, hai covas calcáreas nos municipios da comarca coma os de Abadín ou Pol. Así, ademais das visitas ás covas de Mondoñedo –a do Rei Cintolo e as 14 que hai na ladeira de enfronte-; tamén se achegarán á cova da Meiga ou dos Santos nos Samordás (Abadín) e á da Valiña (Castroverde-Pol) ocupada polos primeiros sapiens sapiens en Galicia. Cunha visita ao Museo de Vilalba e unha ruta arqueoloxía polo municipio, remata o domingo o campamento.

O Concello de Vilalba ofrecía o venres 20 unha recepción aos representantes dos grupos de espeleoloxía participantes no campamento a modo de benvida. O acto contaba coa participación do alcalde, Agustín Baamonde; os concelleiros Amador Guerra e Flor Rey; o director do MUPAV, Eduardo Ramil; e o presidente do GES Ártabros, Manolo Díaz. Ao remate da benvida, facían entrega de agasallos conmemorativos elaborados no Centro Ocupacional de Vilalba Terra Chá igual que as camisetas confeccionadas expresamente para a cita.

Etiquetas