Vilalba Aberta anuncia medidas legais ante a carencia de licenza municipal do desguace de Sancovade

Desguace de camións de Sancovade.

Logo de contrastar a situación de absoluta irregularidade relativa ao cambio de actividade que lle sucedeu ao cese e á posterior venta dos terreos e a nave sobre a que se asentaba a antiga empresa de prefabricados de Sancovade, a asemblea de Vilalba Aberta urxía a pasada semana á comparecencia do Alcalde, a fin de que os vilalbeses/as puideran coñecer a verdade do acontecido. A resposta non se fixo agardar, e foi no contexto dunha entrevista radiofónica – e non a través dunha rolda de prensa pública tal e como pedía a formación asemblearia – cando o popular Agustín Baamonde recoñecía que o novo uso dos terreos non constaba como tal no arquivo municipal. Unhas explicacións que, logo das probas aportadas por Vilalba Aberta e a denuncia dos veciños afectados, significaban na práctica que o desguace de camións de Sancovade – ben visible ao carón da circunvalación – está a operar dende hai aproximadamente un ano sen que ninguén no Goberno Municipal fixera nada diante da ilegalidade manifesta que supón unha muda destas características nunha zona especificada coma chan rústico a efectos de administración.

É por isto que veñen de anunciar a posta en marcha de medidas legais e a solicitude paralela dun Pleno Extraordinario de Reprobación, logo dunhas declaracións que cualifican de “burla á veciñanza”, máis se cabe cando a nova actividade parou por completo logo da advertencia efectuada pola formación asemblearia. Neste senso, o seu voceiro, Modesto Renda,  apuntou directamente aos  vínculos entre as derradeiras titularidades e a agrupación do PP de Vilalba, e acusou ao Goberno Municipal de “saltarse a lei para favorecer aos amigos, namentres os vilalbeses/as que loitan por sacar adiante os seus pequenos negocios con arranxo á legalidade son tomados por parvos” polo que cualificou coma “un atallo de caciques”, sentenciou.

Os detalles relativos á denuncia coñeceranse o vindeiro martes logo da asemblea que, con carácter extraordinario, a formación celebrará o vindeiro día 30 ás oito do serán no Hostal Restaurante Terra Chá de Vilalba e á que convidan á veciñanza que desexe coñecer todas e cada unha das particularidades deste caso, a fin de “decidir co seu voto o sentido dos seguintes pasos a trazar”.

Etiquetas