Skip to main content
Actualidade

Aprobadas as propostas do Goberno da Deputación para melloras doutros 15,6 millóns nos 67 Concellos

Por 31 Outubro, 2017Sin comentarios

Darío Campos no pleno de outubro da Deputación Provincial.

O Goberno da Deputación levou ao Pleno deste martes dúas propostas, que foron aprobadas por unanimidade, para novas melloras de servizos públicos nos 67 Concellos da provincia con outros 15,6 millóns de euros. Ademais, presentou a comisión técnica que controlará o cumprimento dos pregos que rexen a concesión do servizo público do centro de recría. Esta saíu adiante co apoio dos Deputados do PSOE e BNG.

15 millóns para estradas provincias nos 67 Concellos: O Presidente, Darío Campos Conde, explicou, antes do inicio da sesión plenaria, que a boa situación económica da Deputación, pois conta con débeda cero, permite á institución acudir a unha operación de crédito. Por este motivo, no Pleno de xullo, o Grupo Provincial Socialista presentou unha emenda de substitución á totalidade a unha moción presentada polo Partido Popular, que recollía a solicitude de 15 millóns de euros. Hoxe aprobouse acudir a esta operación de crédito. O Vicepresidente e Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, destacou que este fondos permitirán reforzar as melloras de vías que discorren polos 67 Concellos logo de investir no último ano en nova obra máis de 6 millóns de euros, que se engaden aos fondos que se achegaron á conservación ou á roza. Martínez avanzou que con estas novas actuacións, o Goberno da Deputación poderá acadar os 2.200 quilómetros de aglomerado en quente.

Outros 600.000 euros para máis servizos públicos en 6 Concellos: O Goberno da Deputación está a incorporar todos os remanentes de crédito que se xeran ao orzamento para reforzar ás melloras de servizos públicos nos 67 Concellos. Na sesión de hoxe, propuxo incorporar, exactamente, 588.000 euros ao actual presuposto para mellorar o campo de fútbol A Medalla, en Taboada; o Estadio Martínez Otero, en Foz; os accesos a 20 núcleos rurais de Guntín; e a rede de saneamento en 3 núcleos rurais de Mondoñedo; así como para a adquisición dun tractor que permita a limpeza de estradas municipais de Riotorto e para a organización de actividades de dinamización social e económica no Concello de Viveiro.

O Grupo Popular demanda un maior esforzo nesta materia nos próximos dous anos
O Grupo Provincial do Partido Popular, tal e como xa anunciaron en días pasados, apoiaron a proposta que inclúe un investimento de 15 millóns de euros para a mellora de estradas provinciais en todos os Concellos da provincia, pois supón, segundo indicou Elena Candia, “un paso máis nesa imaxe de resolución e de cooperación que vimos mantendo dende este Grupo”. Neste senso, a voceira popular valorou positivamente a iniciativa, xa que se trata dunha demanda que esta formación política leva pedindo en distintas ocasións.

Con todo, Candia subliña que esta cantidade “non é suficiente para repoñer o estado das arterias de comunicación, pois durante anos houbo discriminación neste senso”. De feito, os membros desta formación política, a través das propostas presentadas dende o ano 2016, esixían a posta en marcha dun plan máis ambicioso de 45 millóns de euros; de aí que indicase “que no ano 19 non deberiamos de conformarnos con este 15 millóns”.

“En distintas ocasións puxemos en evidencia unha discriminación porque algúns Concellos teñen unha rede viaria moi avanzada e outros unha importante desatención. Non se corrixe ao 100%, pero este é un paso importante tendo en conta a realidade política desta Deputación”, precisou.

Centro de recría
Campos Conde informou sobre a desestimación do recurso presentado contra a concesión do servizo do centro de recría. Por este motivo, o Goberno Provincial presentou á sesión plenaria a comisión de técnica da Deputación que controlará o cumprimentos dos pregos que rexen esta concesión, que foi aprobada cos votos do PSOE e o BNG. Esta velará polo estrito cumprimento das condicións e cláusulas que interpuxo o Executivo Provincial á prestación deste servizo co obxectivo de garantir que este redunde no beneficio do sector gandeiro da provincia de Lugo. O Presidente avanzou que nos vindeiros días se asinará o contrato da concesión deste servizo nun acto público para que as cabezas de gando entren a principios do 2018.