A Feira de Santos de Gontán recibirá o expositor da campaña ‘Dálle luz á túa factura’

O expositor itinerante da campaña ‘Dálle luz á túa factura’ estará instalado o vindeiro sábado, 4 de novembro, na Feira de Santos de Gontán, en Abadín, na que os asistentes poderán recibir consellos prácticos para aforrar no recibo da luz. Impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego de Consumo e o Inega, o obxectivo desta campaña divulgativa é dar a coñecer as principais recomendacións para aforrar no consumo de electricidade e facilitar a comprensión da factura eléctrica.

Como novidade este ano, ‘Dálle luz á túa factura’ conta cun expositor itinerante que está a percorrer as principais vilas de Galicia e que vai visitar un total de 15 feiras sectoriais que se van celebrar por diferentes concellos galegos.

Elixir o tipo de contrato máis axeitado para cada fogar, revisar a potencia contratada, valorar a discriminación horaria, ou mesmo saber como proceder á hora de presentar unha reclamación, son algúns dos aspectos que aborda esta iniciativa. E, como en anos anteriores, tamén se están a impartir en diferentes concellos charlas informativas para asesorar aos consumidores neste tipo de cuestións.

Xunto con isto, para que os consumidores poidan consultar as súas dúbidas, segue en marcha o teléfono gratuíto 900 907 723, así como a páxina de facebook ‘Dálle luz á túa factura’, que complementan o labor de información e asesoramento que se desenvolve a través do Instituto Galego de Consumo e das oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC).

Axudar aos fogares galegos
A subministración eléctrica nos fogares é un ámbito prioritario para a Xunta de Galicia polo que supón para o benestar e a economía das familias galegas, especialmente, as máis vulnerables. Neste sentido, o tícket eléctrico social ten permitido apoiar a 7.500 familias desde que se puxo en marcha en 2014, axudándolles ao pagamento da factura da luz con ata 300 euros ao ano. E, do mesmo xeito, tamén as axudas para afrontar os cortes de subministración, que permiten cubrir o custo de dúas mensualidades ao ano por fogar, chegaron polo de agora a máis de 4.600 consumidores galegos.

Ademais, o Plan de vivenda que puxo en marcha o Goberno galego, busca que a rehabilitación de vivendas e a construción de novas edificacións vaia encamiñada a promover a eficiencia enerxética e o uso de fontes de enerxía renovables.

Etiquetas