Skip to main content
Actualidade

A Deputación de Lugo asiste en Bruxelas á presentación da campaña “En negro contra as violencias”

Por 5 Novembro, 2017Sin comentarios
Pazo da Deputación Provincial de Lugo. Praza de San Marcos

Pazo da Deputación Provincial de Lugo. Praza de San Marcos

A Deputada de Promoción Económica e Social, Emprego, Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión do de Lugo, Ana González Abelleira avanzaron que asistirán ao Parlamento Europeo, este luns 6 de novembro, á presentación da campaña En negro contra as violencias, unha iniciativa para visibilizar a lacra da violencia machista na sociedade. Actualmente forman parte deste proxecto 63 Concellos de Galicia e 3.095 establecementos e axentes sociais.

López Izquierdo explicou “que o organismo provincial, ademais de reeditar a súa colaboración con esta campaña, empraza a todos os Concellos da provincia a participar neste proxecto. Actualmente, xa son preto de 20 concellos lucenses os que forman parte desta proposta. Por iso, quero facer un chamamento a todos os Concellos da provincia para que se adhiran, e que saiban que poden contar co apoio do Goberno da Deputación para colaborar e facer máis visible o apoio a esta campaña”.

A Deputada sinalou que aínda que a Deputación de Lugo non ten competencias nesta materia, apoia de xeito decidido a erradicación da violencia machista mediante campañas de concienciación e visibilización, como a deste colectivo.

Visita a Bruxelas
Con esta visita, os representantes dos concellos e organismos integrados na rede pretenden presentarán a campaña En negro contra as violencias, nas institucións comunitarias, mediante unha axenda de actividades e encontros con membros do Parlamento Europeo para darlle visibilidade á mesma. Alí manterán unha reunión de traballo con Vilija Blinkevičiūtė, Presidenta da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero.

25 de novembro
O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Desigualdade social
A violencia machista é a expresión máis extrema das desigualdades sociais que viven as mulleres. Un tipo de violencia que sofren as mulleres polo simple feito de o seren, unha desigualdade silenciada, agochada e en moitos casos normalizada. Segundo os datos da última Macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade, un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou ex-parella, un 26% violencia psicolóxica de control —celos, control de horarios e actividades etc.— e un 20% violencia psicolóxica emocional —insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc—.

Obxectivos da campaña
Esta campaña naceu en novembro do 2015 como unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade. Con esa premisa nacía Compostela en negro, a través da cal máis de 300 comercios se tinguiron de negro nesta cidade durante a semana do 19 ao 25 de novembro. Neste intres forman parte deste proxecto 63 concellos de toda Galicia, e 3.095 establecementos e axentes sociais.