O Concello de Guitiriz convoca o III Premio Díaz Castro de poesía

O Concello de Guitiriz convoca o III Premio Xosé María Díaz Castro de poesía para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega.

Ao certame poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, cos seus poemas escritos en lingua galega, segundo a normativa vixente da Real Academia Galega. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital.

A dotación do premio, único e indivisible, que será de 2.000 euros, estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. Se o xurado o considera oportuno, o premio poderá ser declarado deserto. Así mesmo, o xurado poderá designar un ou máis accésits ao Premio que en ningún caso comportarán dotación económica, pero que serán recomendados á editora para a súa posible publicación.

O premio inclúe, ademais, a publicación da obra gañadora por Edicións Espiral Maior. O Concello de Guitiriz resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada en todas as linguas do Estado.

O prazo de presentación das obras remata o día 31 de decembro do 2017.

Xurado e veredicto
O xurado será designado polo Concello de Guitiriz e estará formado por tres persoas vinculadas á poesía e/ou á crítica literaria galegas. Actuará como secretario/a, con voz e sen voto, un membro da corporación.

E o veredicto, que será dado a coñecer directamente ao gañador ou gañadora e a través dos medios de comunicación, terá lugar nun acto público coincidindo co natalicio de Xosé María Díaz Castro, arredor do 19 de febreiro de 2018.

Etiquetas