Skip to main content
Actualidade

A Xunta impulsa melloras no polígono de Castro, parques infantís e a ruta do Azúmara

Por 14 Novembro, 2017Sin comentarios

A Xunta de Galicia propiciou en Castro de Rei nos últimos meses catro actuacións que supuxeron a introdución de melloras no polígono industrial, en dous parques infantís e na ruta do Azúmara.

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ao concello para coñecer o resultado dos traballos, aos que o Goberno galego destinou un investimento de 216.000 euros.

Balseiro subliñou que a Xunta “traballa polo desenvolvemento dos concellos en todos os ámbitos, procurando o progreso económico e a participación e o benestar social dos veciños; e preocúpase moi especialmente polos concellos rurais, que son a inmensa maioría na nosa provincia”.

O polígono industrial asumiu o groso dos investimentos, fundamentalmente a través das achegas da Consellería de Economía, Emprego e Industria. En concreto acometéronse obras de urbanización dos accesos para a futura ampliación, na estrada LU-115, e a instalación dun sistema de videovixilancia, proxectos que suman 140.000 euros. O parque, situado en Castro Ribeiras de Lea, ten unha superficie actual de 249.423 metros cadrados, nos que están instalados 26 empresas que dan traballo a 250 persoas.

Pola súa banda, Turismo de Galicia financiou con 50.000 euros os traballos de sinalización da ruta do Azúmara e de acondicionamento dunha zona de aparcamento no núcleo de Castro de Rei, a escasos metros do inicio da ruta.

A ruta do Azúmara está homologada pola Federación Galega de Montañismo, ten 6,9 quilómetros de lonxitude e une dous puntos de singular valor no patrimonio cultural da provincia, como son os castros de Castro de Rei e de Viladonga.

Por último, as obras de mellora nos parques infantís de Castro Ribeiras de Lea e de Castro de Rei foron financiadas con preto de 26.000 euros pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ao abeiro dunha convocatoria de axudas para que os concellos poidan investir en infraestruturas de uso público.

En ambos parques procedeuse á reposición do pavimento de caucho, reparacións dos xogos deteriorados e instalación doutros novos, e limpeza e repintado dos elementos de madeira.