Skip to main content
SociedadeXermade

Cabreiros amosa historias galegas na súa quinta Invernada de Cine

Por 14 Novembro, 2017Sin comentarios

A Asociación de Veciños de Cabreiros impulsaba fai cinco anos coa colaboración do Concello de Xermade, a USC e o Colexio de Educadores Sociais de Galicia unha “Invernada de Cine” baseada nas tardes de conversas sobre a emisión da programación televisiva que pechaba coa carta de axuste.

Así, aproveitan agora as tardes de outono para ofrecer a proxección de documentais, películas ou teatro e debater sobre as mesmos. Se xa o sábado 4 de novembro botaba a andar esta quinta edición coa proxección de “Entre lobos” dirixida por Gerardo Olivares sobre a historia real de Marcos Rodríguez Pantoja presente no acto conducido por Xosé Manuel Cid; o vindeiro sábado 18 de novembro será a quenda do documental sobre a vida de Camilo, o último guerrilleiro que queda vivo en Galicia. Ao acto asistirán integrantes do grupo de traballo que realizaba o documental sobre a súa historia co obxectivo de recuperar a memoria histórica da guerrilla antifranquista.

As sesións desta invernada continuarán tamén no mes de decembro. O sábado 2, tamén a partir das seis da tarde, será a quenda da proxección do documental “Un paseo pola vida” que recolle a historia das mulleres traballadoras de Xermade. Laura Canto, estudante de Comunicación Audiovisual, e Rubén Veiga, técnico en realización e producción, coa colaboración do xornalista Baruk Domínguez, realizaban esta peza para a Asociación Cultural Roteiros da Carba de Lousada para recordar o esforzo daquelas mulleres que, en anos complexos, sacaron adiante traballos que so elas desempeñaban.

E dunha peza audiovisual feita en Xermade por xente de Xermade a unha peza de teatro infantil; xa que o domingo 17 de decembro estas sesións da V Invernada de Cine de Cabreiros pecharán coa interpretación de “A ratiña Carolina aprende a querer” da man da actriz Isabel Risco.