Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Xunta aposta polos centros sociocomunitarios para o mantemento dun estilo de vida activo entre os maiores

Por 15 Novembro, 2017Sin comentarios

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitaba este mércores o centro sociocomunitario de Vilalba, co obxectivo de coñecer de primeira man as actividades que se desenvolven no mesmo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.

Durante a súa visita, o director xeral destacou que a Administración autonómica non é allea á importancia da integración das persoas maiores. Por iso, a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que hoxe visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. “Desde a Xunta de Galicia estamos a organizar actividades nos centros sociais e sociocomunitarios coma este para que as persoas maiores manteñan un estilo de vida activo”, explicou Parrado.

No presente exercicio, a Consellería de Política Social investiu 45.457 euros no centro lucense, que permitiron a mellora da eficiencia enerxética coa instalación dunha caldeira de calefacción de pellets así como a dotación de medios mecánicos para o servizo de fisioterapia que atende a 160 usuarios. Sen dúbida, ambas son melloras que axudan ao correcto funcionamento do centro e ao benestar dos usuarios.

Os centros sociocomunitarios son instalacións de carácter polivalente, abertos a toda a poboación e dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se desenvolven todas aquelas actividades que demandan os usuarios, orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas e a desenvolver os seus coñecementos informáticos. Deste xeito, os usuarios poden asistir a clases de ximnasia de mantemento, zumba, internet ou pintura entre outras.

No marco desta visita, o director xeral lembrou que a Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 (Esgaen) busca dar resposta ás novas necesidades que xorden asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia e que os maiores galegos teñan unha mellor calidade de vida durante máis anos a través dun modo de vida activo, saudable e independente, valores que se fomentan neste tipo de centros.