O Concello da Pastoriza instala estufas de biomasa nos locais sociais de Álvare e Crecente

A área de industria do Concello da Pastoriza, a través dunha subvención da consellería de Economía, Emprego e Industria, instala un sistema de calefacción en dúas das escolas unitarias propiedade do Concello da Pastoriza.
O obxecto do proxecto é a instalación dun equipamento térmico de biomasa no centro social da parroquia de Álvare e outro na de Crecente –os edificios das antigas escolas unitarias- que son os dous locais nos que se xera unha maior actividade sociocutural e deportiva promovida polo Concello ou as propias asociacións veciñais en resposta a unha demanda social.

Elva e Robert comprobando o funcionamento da estufa de biomasa na escola de Crecente.

Segundo destaca a tenente de alcalde, Elva Carrera, ata o de agora, “estes dous locais carecían de instalación de calefacción e, dadas as súas características construtivas derivadas da súa época de construción e as condicións climatolóxicas da zona, faise imprescindible adecuar estes locais cun sistema de calefacción para un mellor confort”. Isto “conseguirase con estas estufas de biomasa programables e con dispositivos de saídas de calor ao longo dos locais. Estas estufas dispoñen dun colector ou depósito de 25 kl incluído no propio equipo que lle proporciona maior autonomía. Ademais, este sistema supón un aforro considerable con respecto ao uso doutros combustibles coma o gasóleo”.

O orzamento total de cada unha das instalacións é de 3.406,66 euros incluíndo cada estufa, cheminea, canalización interior e man de obra. O INEGA achega o 50% do investimento condicionado ao uso de estufas de biomasa cunha potencia mínima e atendendo ás necesidades caloríficas de cada local.

Benestar para a poboación do rural
Carrera explica que “tras diferentes actuacións de acondicionamento que permiten a posta en valor do patrimonio do concello, os veciños e veciñas utilizan as plantas baixas destas edificacións para a celebración de cursos e outros eventos que fomentan a interrelación social”. Deste xeito, aposta pola “equiparación, na medida do posible, das ofertas de actividades que se prestan no medio urbano, buscando deste modo a fixación de poboación no medio rural e favorecendo un envellecemento activo, san e de calidade”.

Etiquetas