Rosa Morán considera “unha burla” inaugurar rutas de transporte público eliminadas previamente

Trala posta en marcha do novo mapa de rutas de transporte público por autocar autorizadas pola Xunta, os socialistas de Cospeito critican a “burla” para os veciños e veciñas que supón a inauguración das novas rutas por parte do alcalde e do delegado territorial.

A voceira socialista, Rosa Morán, considera “indignante” que “despois de deixar sen servizo aos veciños e veciñas de Muimenta o 8 de agosto sen previo aviso, veñan agora a inaugurar a reposición dunhas liñas que eles mesmos eliminaron”. De feito, “xa eran cinco as liñas das que dispoñían antes os veciños e veciñas da parroquia”.

Morán recorda que o grupo municipal socialista xa presentara en xuño iniciativas ao pleno interesándose polas xestións do Concello ante o novo plan de transporte de Galicia e tamén que “foron os colectivos sociais de Muimenta os que fixeron o traballo do Concello informándose sobre o número de rutas, os seus horarios e número de usuarios para transmitírllelo ao propio alcalde e ao delegado territorial da Xunta en Lugo”.

Nese sentido, a voceira socialista cre que “a Xunta tirou os cartos achegados a unha empresa externa para analizar as rutas e posibles alternativas cando foron os veciños e veciñas de Muimenta o que o fixeron no seu caso e agora tamén a propia administración escoitando aos usuarios tras recibir as súas queixas”. Nesa liña, anima á Xunta a seguir estudando posibles melloras nas liñas de transporte público porque “a pesar de que entendemos que é difícil xestionar o servizo, debe responder ás necesidades dos veciños e veciñas”.

Outro dos casos de recuperación dunha liña da que se beneficiaban os veciños e veciñas de Cospeito é a que sairá dende O Santo pola LU-111. E como incide a socialista, “este é un caso aínda máis grave porque se trata dunha liña suprimida fai catro anos por este mesmo goberno deixando aos seus usuarios sen o servizo dun día para outro”.

“Daquela os veciños e veciñas presentaran no Concello un escrito avalado por 400 sinaturas no que lle pedían ao alcalde ou ao responsable que lle correspondera a xestión da súa reposición” como recorda Morán indicando que “foi o grupo socialista o que presentaba en xaneiro do 2016 unha moción tamén nese sentido”. Dende aquela e ata xuño deste 2017 o alcalde respondía que “seguía xestionando esa petición” e “agora veñen vender a moto da implantación dunha nova liña cando en realidade foi a eliminada hai catro anos, aínda que xestionada por outra empresa”.

Incumprimentos
Rosa Morán tamén critica que non se cumpre o horario que comunicaban previamente aos colectivos de Muimenta nas súas xuntanzas. Daquela comprometéranse a incluír un servizo á primeira hora da tarde, pero “sae ás cinco de Meira e pasa ás cinco e media por Muimenta cando o bus de volta sae ás sete e media dende Lugo. Deste xeito, os usuarios e usuarias terán moi pouca marxe para realizar calquera xestión na capital porque chegarán algo despois das seis da tarde”.

Servizos para o rural
Con todo, os socialistas de Cospeito aplauden que os veciños e veciñas volvan ter un servizo que nunca debera ser suprimido. Igualmente, agardan que “todos colaboremos para que a xente faga cada vez máis uso destes servizos públicos”.

Etiquetas