Tres Concellos chairegos reciben axudas de Medio Rural para a adquisición dun tractor para labores de roza

Tractor e desbrozadora adquiridos polo Concello de Xermade.

Os Concello chairegos de Cospeito, A Pastoriza e Xermade disporán este mesmo ano dun tractor para a roza grazas a un novo convenio subscrito coa Consellería do Medio Rural. Co fin de axudar aos gobernos locais nos seus labores de prevención de incendios, este departamento creou un acordo por valor de 3,1 millóns de euros para subvencionar a compra desta maquinaria que chega a 35 Concellos galegos.

Cada municipio disporá de 90.000 euros para a compra íntegra desta maquinaria na que unicamente está excluído o imposto sobre o valor engadido (IVE) como gasto subvencionable. Deste xeito, a Xunta demostra que está cos concellos e trata de facilitar a execución das súas competencias como é o mantemento libre de maleza das infraestruturas rurais, as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa e determinadas parcelas de titularidade municipal.

Esta medida súmase a outras que xa viña aplicando a consellería como o convenio marco de colaboración cos concellos para a prevención e defensa contra os incendios forestais e polo que as entidades locais poden subvencionar as rozas, dispor de motobombas e brigadas municipais. Precisamente reforzar esta última pata é un dos obxectivos do plan de 30 medidas presentado polo presidente da Xunta incluídas na proposta de acordo forestal

Criterios obxectivos
Os concellos seleccionados foron elixidos baixo criterios obxectivos como o número de habitantes (menos de 10.000), o número de entidades de poboación, o uso en común por máis dun municipio dese tractor, que non recibiran motobombas novas por parte de Medio Rural nos últimos cinco anos, nin máis de 90.000 euros no ano 2017 a través do fondo de compensación ambiental.

Ademais, debían cumprir con algunha das seguintes esixencias: ter subscrito o convenio para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais durante os anos 2016, 2017 e 2018 nas súas tres liñas de actuación, ter rexistrada algunha Parroquia de Alta Actividade Incendiaria no seu territorio (PAAI) ou que teñan predios recoñecidos -ou en proceso de recoñecemento- da titularidade a través da Lei de mellora territorial agraria de Galicia.

Etiquetas