PSOE: “Pedimos a rectificación do Concello por dar espazo a un grupo que promove a violencia machista”

O Grupo Municipal Socialista vén de anunciar que pedirá explicacións ao Concello de Vilalba pola organización dun festival de música dirixido especialmente á mocidade no que anuncian a participación dun grupo musical con letras que fan apoloxía da violencia machista e que denigran ás mulleres. Este concerto anunciado xunto coa campaña “Vilalba en negro” enmárcase no conxunto de accións que desde o goberno realizarán neste mes de novembro, pero que rematou cunha polémica pola elección do cartel que as redes xa recollen desde onte.

“Secundamos totalmente as críticas feitas ao concello porque é inxustificable que dean espazo nun festival contra a violencia machista a un grupo de rapaces que atentan coas súas cancións aos dereitos básicos da muller”, criticou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Nesta liña, pedirán que se suprima a actuación deste grupo “aínda que foran chamados para realizar unha colaboración que implicara adecuar a súa música, pois non se pode permitir que se fomente desde o concello a traxectoria dun grupo que trata ás mulleres como obxectos”, subliña Veleiro, engadindo que “é unha mágoa que exista esta incompetencia por parte de quen nos goberna”.

As e os socialistas pedirán polo tanto explicacións no vindeiro pleno, tanto á concelleira de Servizos Sociais, Mª Flor Rey, quen afirmou coñecer o contido destas letras, como ao Alcalde Agustín Baamonde, “por ser cómplices de perpetuar o machismo entre a xuventude nun acto máis que irresponsable”. Así mesmo, desde o PSOE quixeron felicitar aos demais grupos e persoas convidadas a actuar neste festival polo traballo que están desenvolvendo “a favor da igualdade, como non se podería contemplar doutro xeito”.

Letras machistas
O grupo en cuestión, 27800 Mafia, está composto por tres rapaces que levan xa un tempo subindo cancións ás plataformas dixitais cun número importante de visitas. “Hoy será con esta, mañana con la otra, de oca en oca me la follo por loca”, “y si se descuidan les follo hasta a la novia, no le llames prostituta pero flipas lo que cobra, se cree señorita, te gasta toda la guita, ella nunca invita y encima bien no folla”, “vigila a tu chica que suba los pantalones”, “tirándome a tu hermana con mi condón de piel”. Estes son algúns dos exemplos das letras, que están moi lonxe de contribuir a fomentar a igualdade e o respecto cara as mulleres.

Política de igualdade nula
Desde o Grupo Socialista levan moito tempo sendo críticos coas políticas de igualdade do goberno do PP vilalbés, “ou máis ben coa carencia delas”. Hai aproximadamente un ano pedían que se aprobara un novo Plan de Igualdade logo de caducar o anterior e permanecer un ano sen unha guía de traballo neste eido. Porén, salientaban que as campañas de visibilización do concello, como “Vilalba en negro”, deberían complementar un traballo de prevención, moi insuficiente tanto na mocidade como no rural. En sesión plenaria, o PP votou en contra da moción que pedía a renovación deste plan, alegando que non tiñan fondos para cubrilo. De que serve tinguir Vilalba de negro se non existe a prevención e rematan por ser cómplices do machismo sen escrúpulos dun grupo xuvenil?

Por outra banda, as e os socialistas pediron e apoiaron en numerosas ocasións a retirada da figura das damas das festas, “atopándonos desde a bancada da oposición co non rotundo do Partido Popular”, afirman desde o PSOE, destacando que esa negativa “non foi o peor, o peor chegou tras escoitar que as nenas que ían de damas aprendían valores como o saber estar e a boa educación, e que por iso mantiñan esa tradición”.

Tras un compendio de desacertos deliberados, nesta ocasión o socialismo vilalbés pide “responsabilidade e implicación para non ter que lamentar cando xa é tarde por unha falta de prevención e dilixencia das administracións públicas que non teñen interiorizada a loita feminista para rematar coa desigualdade entre homes e mulleres, moi lonxe de poñer parches de cando en vez para aparentar cara a galería”.

Etiquetas