10.000 alumnos de toda a provincia participarán na cuarta Semana Escolar de Medio Ambiente da Deputación

Ramos, Queipo e Perozo presentaban a Semana escola do medio ambiente da Deputación.

O deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo; xunto á coordinadora do proxecto e a ao escritor do libro, Llerena Perozo e Alberto Ramos, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos, a 4ª Semana Escolar da Provincia. Esta iniciativa organizada polo Goberno da Deputación ten como obxectivo divulgar entre a mocidade a realidade e diversidade da natureza na provincia de Lugo; espertar a curiosidade máis aló dos fenómenos esquemáticos e técnicos da materia de ciencias sociais; así como amosar o impacto e relación que mantén o ser humano co medio mediante.

Fernández Queipo subliñou que “con este proxecto, dende o Executivo Provincial queremos que os máis novos aprendan novos coñecementos sobre o patrimonio natural lucense, duha maneira máis lúdica e entretida para eles, a través dun discurso didáctico que poña en valor o medio ambiente e a súa relación co ser humano. Para esta cuarta edición temos o privilexio de contar coa participación de 9.912 alumnos de 45 centros de Eucación Secundaria, o que supón un aumento de 1.000 nenos con respecto ao ano pasado”.

Libro-manual Humanidade e patrimonio natural lucense
O Goberno da Deputación editou o libro-manual Humanidade e patrimonio natural lucense, escrito por Alberto Ramos e ilustrado por Alba Millán. É un caderno de viaxe no que un grupo de científicos e científicas percorren a provincia para elaborar un mapa que reflicta a realidade do medio ambiente na mesma e a súa relación co ser humano, facendo especial fincapé nas augas, na biodiversidade, no valor patrimonial e na importancia cultural que supoñen. O equipo vai analizando o impacto do ser humano no espazo natural ao tempo que vai descubrindo como o medio ambiente e o territorio condicionan a propia cultura, dende os usos agrícolas ou construtivos ata a gastronomía e as crenzas populares. Para establecer as actividades, elaborouse un programa cunha guía cunha serie de contidos e pautas para empregar o libro-manual que recibiron tanto profesores como alumnos inscritos no proxecto.

Do 27 de novembro ao 1 de decembro
A semana lectiva comezará coa pegada de carteis do programa nos centros escolares por parte dos alumnos. A continuación, os participantes lerán e realizarán as actividades propostas no libro-manual, escollerán unha ou varias rutas e construirán muráis con imaxes e debuxos de paisaxes lucenses habitadas. Por último, os rapaces preparán un pleno provincial co patrimonio natural e a incidencia do ser humano como tema central.

Para concluír as xornadas divulgativas, o 1 de decembro terá lugar a festa escolar da provincia, na que se inaugurará a exposición de muráis colectivos, lerán os mellores traballos individuais realizados, degustarán sobremesas típicas da nosa provincia e farán unha representación aberta para o centro dun pleno da corporación provincial relizado por alumnas e alumnos seleccionados.

Centros chairegos inscritos
– IES Fonmiñá do Concello da Pastoriza
– IES da Terra Chá, José Trapero Pardo do Concello de Castro de Rei
– IES Poeta Díaz Castro do Concello de Guitiriz
– IES Pedregal de Irimia do Concello de Meira
– IES Río Miño do Concello de Rábade
– IES Lois Peña Novo do Concello de Vilalba

Etiquetas