Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXA

Sesións de estimulación cognitiva con Afalu en Friol para previr enfermidades neurodexenerativas

Por 22 Novembro, 2017Sin comentarios

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU) ofrece en Friol un servizo terapéutico incluído no marco do Programa Red Paraguas Alzheimer da Fundación Barrié e a Federación de Alzheimer de Galicia.

Iria Franco, coordinadora das Unidades Terapéuticas de Afalu, explica que se trata “dun novo programa dirixido á prevención da enfermidade de alzheimer xa que o que se fai e traballar con persoas que non están afectadas, persoas sanas que están interesadas en facer estimulación cognitiva. Non teñen que ter unas características especiais, solamente co interese de facer traballar a súas capacidades mentais e intentar que non avance este tipo de enfermidade”.

– Que tipo de tratamentos deben seguir as persoas afectadas por esta demencia segundo as súas fases?
– A día de hoxe non existe ningún tratamento curativo, so falamos de tratamentos paliativos. Poden ser terapias medicamentosas que axudan a mellorar algún síntomas como poden ser os inhibidores da acetilcolinesterasa que nas primeiras fases melloran a conducta e axudan na realización das actividades do día a día.

Por outra banda, está a terapia non farmacolóxica que reforza as capacidades que aínda conserva o enfermo e trata de conservalas o máximo tempo posible. Trátase de estimulación cognitiva específica, tratamento das AVD, psicomotricidade, laborterapia… Coa combinación dos fármacos e das terapias conséguese que o avance do alzheimer sexa máis lento.

– Como contribúen os familiares na súa detección e posterior coidado?
– Xeralmente a familia ou o seu núcleo de convivencia son os primeiros que se dan conta de que algo vai mal. Cando notan que o que fai esa persoa afectada non son simples despistes senón que se trata de algo máis grave. Esta enfermidade afecta a tódolos niveis da vida, non só son esquecementos. É non saber como se utiliza un chisqueiro, como se xoga ao tute, o xeito de facer a sopa ou onde se gardan as chaves… dende ahí avanza ata non recoñecer un obxeto que se ten na man, a afasias, desorientación, dificultade nos movementos, incapacidade do autocoidado, etc. Polo que a familia ten que ocuparse desta persoa dun xeito integral, pasa a depender totalmente dunha forma gradual e a remover todos os roles familiares; xa que o que tiña que coidar de nós pasa a necesitar ese coidado. É unha enfermidade que dura moitos anos e de moi difícil coidado xa que require de moita paciencia, moito ánimo e as 24 horas do día os 365 días do ano.

– Que factores poden contribuír a detectala nunha primeira fase?
– Agora mesmo a detección faise cunha serie de probas médicas e psicolóxicas que se fan máis como descarte doutras enfermidades; xa que non temos unha proba específica de diagnose, pero existen moitas vías de investigación que tratan de atopar un test ou proba para unha diagnose precoz. É a familia a que se da conta por detalles, preguntas reiterativas, cambios de comportamento, etc. Normalmente cando se diagnostica a enfermidade xa leva anos de avance na persoa afectada.

– É posible previr esta doenza?
– Esta é a liña coa que estamos traballando actualmente, a da prevención con programas coma este que puxemos en marcha en Friol e tratar de que o cerebro estea en plena forma e free esta demencia neurodexenerativa. Aínda estamos empezando a estudar esta opción e aínda é cedo para saber os resultados, pero os que observamos por agora é moi positivo.

Asistentes ás sesións de estimulación cognitiva de Afalu en Friol.

– Cantas persoas participan no servizo de Friol? E cando e onde se desenvolve?
– Temos un grupo de 18 persoas que veñen os luns e mércores de catro e media a seis e media á Biblioteca Municipal de Friol, pero as sesións están abertas a calquera persoa interesada.

– Cal é, polo momento, a valoración que fan os usuarios deste servizo?
– Os usuarios e usuarias están moi implicados e funcionan moi activamente. Interésalles todo e participan moi positivamente en tódalas actividades. É un grupo de persoas maravillosas que teñen moitas ganas de traballar a súa mente.

– Que outros servizos presta AFALU?
– AFALU conta con varias unidades cognitivas na provincia de Lugo, con un centro de día en Lugo e outro en Ourense. Temos atención psicolóxica, grupos de apoio, facemos formación acreditada para profesionais, formación a coidadores, axuda ás familias tanto a nivel psicolóxico, terapéutico e de traballo social. Contamos con fisioterapeutas, nutricionista, terapeutas, traballadores sociais, psicólogos…