O Goberno da Deputación pide á Xunta, co non do PP, un plan de impulso ao medio rural

O Pleno da Deputación aprobou este martes, cos votos a favor de PSOE e BNG e o non do PP, a proposta do Goberno Provincial para instar á Xunta de Galicia a elaborar un plan de impulso ao medio rural participativo no que se inclúa a todos os axentes implicados e que estea dotado de orzamento nas vindeiras anualidades para poñer en marcha medidas que freen o abandono do rural.

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, apuntou que “o abandono do medio rural é un feito totalmente constatable, que provén da falta de planificación e estruturación do entorno natural por parte das administracións coas competencias directas na materia. Dende o Goberno da Deputación non vemos ao rural como un problema senón como unha oportunidade. Débense pór en marcha políticas encamiñadas a dotar ao rural de, cando menos, os mesmos servizos que as zonas urbanas. Deste xeito, conseguiremos revitalizar o noso rural, ofrecéndolle á cidadanía oportunidades de emprego coas que conseguir un maior asentamento da poboación”.

O voceiro subliñou que “o rural lucense enfróntase principalmente a 3 problemas: renda, acceso a servizos básicos e o abandono. Para facer fronte a eles, é preciso poñer en marcha un plan de investimentos, servizos e innovación, que vaia acompañado de accións transversais que melloren as oportunidades de vida no rural. Para elo, defendemos a necesidade de facer un deseño sostible do noso territorio, que conxugue o entorno natural coa sociedade”.

Actuacións transversais
Santos Ramos destacou que para facer fronte á problemática existente no rural galego cómpre actuar nos seguintes eidos:

– Política Forestal: “A Xunta de Galicia, como administración pública con competencias, debe detallar a política forestal e de ordenación do territorio que facilite e promova a convivencia coa sociedade. Non podemos permitir continuar co estado de total abandono dos nosos montes, cheos de xestas e toxos, ou que haxa plantacións de pinos a escasos metros das casas; que só serven de pasto para os lumes, tal e como vimos recentemente”, destacou.

– Meteoroloxía adversa: “O Goberno Galego ten que poñer en marcha medidas reais encamiñadas a paliar de forma totalmente solvente os efectos meteorolóxicos adversos, como as secas, granizo ou os lumes”.

– Control da fauna salvaxe: “Non podemos permitir que os animais salvaxes continúen a danar as explotacións que se atopan preto das casas, sobre todo se non existe ningún tipo de compensación para os produtores”.

– Maior atención a gandeiros e agricultores: “É necesario que a Xunta de Galicia ofreza a través dos fondos FEDER durante os período 2020-2026, axudas que atendan ás necesidades reais de agricultores, reforzando, por exemplo, as rendas”.

– Impulso da implantación tecnolóxica: “O nosos rural precisa dunha electrificación axeitada e unha banda larga de internet que garante unha conectividade semellante á das zonas urbanas, para facilitar a posta en marcha de novos modelos de negocio”.

– Dotación de servizos básicos: “Cómpre mellorar, por exemplo, os servizos sanitarios do rural, pois non podemos permitir que os veciños dos Concellos máis pequenos se teñan que desprazarse para recibir atención médica; así como o ámbito educativo, facendo accesible aos pícaros do rural unha escola preto da súa casa”.

– Revisión de multas e impostos inxustificados: “Os Gobernos do PP en vez de facilitar a vida no rural, pon paus nas rodas no día a día dos veciños. Fíxoo a través do catastrazo, obrigándoos a pagar máis; ou coas inspeccións de traballo totalmente inxustificadas en eventos culturais e sociais tan importantes como, por exemplo, a matanza do porco”.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: