Skip to main content
ActualidadeCospeitoVilalba

Vilalba e Cospeito contan con vivendas de promoción pública dispoñibles

Por 29 Novembro, 2017Sin comentarios

A Xunta de Galicia dispón neste momento de 55 vivendas de promoción pública dispoñibles na provincia de Lugo. Son propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e están distribuídas en 11 concellos que abranguen a práctica totalidade das comarcas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que as persoas interesadas poden inscribirse en calquera momento no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia, que é o requisito indispensable para participar nos procesos de adxudicación.

En base a este rexistro, a comisión de Vivenda elabora cada ano -no mes de xaneiro- os listados de segundas transmisións ou reservas para os distintos concellos, mediante sorteo ante notario entre os inscritos.

Balseiro subliñou que os procedementos de adxudicación “non se deteñen, e tan pronto como unha vivenda queda baleira e está en condicións de ser novamente habitada, iníciase o procedemento de readxudicación a outro inquilino”.

Ante a proximidade das datas do sorteo do que sairán os novos listados, o delegado insta a todas as persoas interesadas a inscribirse no Rexistro Único, dado que hai casos en que xa se esgotou a lista de reserva de demandantes.

Así, neste momento non hai lista de espera para algunhas promocións de vivendas en Becerreá, Chantada, Lourenzá, Vilalba e no casco histórico de Viveiro, así como para unha vivenda adaptada para persoas con problemas de mobilidade en Lugo.

Os outros municipios nos que hai vivendas dispoñibles son Cervo, Cospeito, Mondoñedo, Monforte de Lemos e O Incio. Nestes casos, continúan os procesos de chamamento de adxudicatarios en función dos listados de reservas.

“A Xunta esfórzase para que o proceso para acceder a unha vivenda de promoción pública sexa áxil e sinxelo, transparente e con todas as garantías para os demandantes, co único obxectivo de facilitar un fogar ás persoas que o precisan”, afirmou Balseiro.