Skip to main content
Actualidade

Xunta, Deputación e Concellos acordan a constitución do xeodestino Lugo-Terra Chá- Sarria

Por 29 Novembro, 2017Sin comentarios

Representantes dos Concellos chairegos, Deputación e Xunta durante a súa reunión sobre os xeodestinos da provincia.

A provincia de Lugo completa o seu mapa turístico e contará definitivamente con dous novos xeodestinos, o de Lugo-Terra Chá-Sarria e o de Ancares-O Courel, segundo o acordado este mércores na reunión da comisión na que participan os alcaldes dos distintos concellos destas áreas, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, lembra que o Goberno galego, como promotor destes encontros, dá por cumprido o obxectivo de completar o novo mapa turístico lucense, que comprenderá “ao cen por cen” a totalidade do territorio da provincia, posto que xa funcionaban os xeodestinos da Mariña e da Ribeira Sacra.

Acordos plenarios
A constitución formal desta nova figura precisa da aprobación dun acordo plenario nos distintos concellos, trámite que nalgúns casos xa se ten producido e noutros está aínda pendente. Na xuntanza acordouse dar un prazo, ata a primeira quincena de xaneiro, para que se complete este procedemento por aqueles concellos que aínda non o teñan feito.

Paso na boa dirección
“Creo que é un paso na boa dirección, por canto os distintos concellos da provincia foron quen de superar as diferenzas políticas, e unirse os uns cos outros, para formar estruturas sólidas de xestión coas que fortalecer o seu posicionamento turístico”

Como resultado, a agrupación destes municipios e constitución dos xeodestinos serve para impulsar novos produtos turísticos. A través desta fórmula de asociación a Xunta subliña o protagonismo que deben ter os concellos nos procesos de desenvolvemento turístico local e ofrece convocatorias de axudas periódicas para apoiar as iniciativas que decidan impulsar e distintos investimentos.