Skip to main content
Actualidade

Xuvenlugo, no Pazo de Feiras durante o Nadal

Por 29 Novembro, 2017Sin comentarios

Representantes da Deputación e do Concello de Lugo presentaron Xuvenlugo.

O Deputado de Mocidade e Deportes, Pablo Rivera Capón, a Concelleira de Cultura e Xuventude, Carmen Basadre Vázquez, e o Xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López Fernández, presentaron este mércores a vixésima edición de Xuvenlugo na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos. Esta feira de actividades de ocio e recreativas estará instalada no Pazo de Feiras e Congresos da capital luguesa dende o 1 de decembro ao 7 de xaneiro.

O Executivo Provincial e o Concello de Lugo colaboran co Pazo de Feiras e Congresos na organización desta cita, cunha achega de 15.000 euros, para facer posible dúas xornadas de portas abertas os días 1 e 15 de decembro, durante os cales o acceso será totalmente de balde para todos os que desexen asistir nestas datas. Ademais, o 1 de xaneiro celebrarase unha xornada de portas abertas exclusiva para os avós.

Rivera Capón subliñou que “o pasado ano, preto de 17.000 persoas participaron nesta iniciativa, coa que colaboramos dende o Goberno Provincial para fomentar unha alternativa de ocio e diversión para pequenos e maiores durante os meses de Nadal. Aproveitando, ao mesmo tempo, un excelente espazo do que dispoñemos na capital luguesa como é o Pazo de Feiras e Congresos”.

Pola súa parte, Basadre Vázquez amosou a súa satisfacción pola acollida e participación que sempre lle brinda Lugo a este salón de lecer, “co que colaboramos dende o Concello coa finalidade de ofrecerlle unha alternativa máis no Nadal ás familias”, alternativa capaz de facilitar ademais a conciliación da vida familiar e laboral. A edil, quen sinalou a cita de Xuvenlugo como unha datas marcadas no calendario dos e das luguesas, non só do municipio, senón tamén da provincia e incluso do resto de Galicia; tamén aproveitou para convidar este venres, 1 de decembro, a toda a sociedade luguesa a gozar con estas actividades e divertirse de xeito gratuíto, pois será o día dedicado ao Concello.

Un ano máis, o Pazo de Feiras e Congresos acollerá nos meses de Nadal a feira de Xuvenlugo que contará con diferentes actividades para a mocidade, incluíndo atraccións, coches de choque, inchables, pista de slot, touro mecánico e unha noria, entre outras. Dende a organización habilitarán tamén un espazo infantil dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos onde poderán gozar de talleres, inchables e zonas de xogos adecuados á súa idade.

Horario e datas
Xuvenlugo abrirá as súas portas en horario de tarde, de 16:30 a 21:00 horas, nas seguintes datas: do 1 ao 3 de decembro de 2017; do 6 ao 10 de decembro de 2017; do 15 ao 17 de decembro de 2017; do 22 ao 23 de decembro de 2017; do 25 ao 30 de decembro de 2017; do 1 ao 4 de xaneiro de 2018; e do 6 ao 7 de xaneiro de 2018.

Prezos
Entradas ao Salón do ocio:
– Xenérica (tanto adultos como menores): 6 euros.
– Bono de grupo (10 persoas, válido para un só día): 50 euros.
– Grupos de Concellos, Colexios e Asociacións (mínimo 15 persoas): 4,5 euros.

Acceso a outras actividades dentro do recinto:
– Pista de minigolf: 1,5 euros
– Touro mecánico: 2 euros
– Pista de slot: 2 euros