A ECVC denuncia que a reforma da PAC que prepara a CE “non toca a raíz dos problemas da agricultura comunitaria”

Aínda que case ninguén fala dela, a Política Agraria Común custaralle os europeos e europeas, entre 2014 e 2020, máis de 408.000 millóns de euros. A pesares do astronómico da cifra, o medio rural e a agricultura comunitaria viven permanentemente en crise mentres as industrias e distribuidoras do sector seguen a engordar as súas millonarias contas de ingresos.

A Comisión Europea fixo público este mesmo mércores un documento no que adianta as liñas xerais do que deberá ser a PAC máis alá de 2020. Por desgraza, máis do mesmo, tal e como denuncia a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG.

O proceso de reforma da PAC vén de dar un paso improtante coa comunicación que fixo onte a Comisión Europa ao respecto. Nun documento de 26 páxinas, a Comisión fai referencia a unha serie de dificultades e cuestións ás que se enfronta o medio rural. Porén, a pesares dun discursos que, a primeira vista, semella escoitar aos labregos e labregas de Europa, as solucións propostas continúan dirixíndose a tratar os síntomas da enfermidade, se tocar as causas que están na raíz de todas as crises que padecen os diversos sectores agrogandeiros e o campo.

Dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina salientan varios puntos deste documento que merecen especial atención polo impacto que teñen sobre a agricultura labrega, a calidade de vida no medio rurla e o sistema alimentario da cidadanía europea:

– Xestión de riscos derivados do mercado e volatilidade de prezos: A Comisión continúa promovendo os seguros como remedio á crise de ingresos sufrida polos labregos e as labregas. Para a ECVC e as organizacións que formamos parte dela, isto non é unha solución. A volatilidade non é inevitable. A volatilidade é consecuencia da destrución das ferramentas de regulación do mercado. Velaí onde radica o problema e a solución.

– Axudas directas da PAC e a súa distribución: A Comisión insiste na distribución de axudas de acordo ás hectáreas. As axudas desvencelladas da actividade e en función das hectáreas non chegan a responder aos obxectivos da PAC e agudizan os problemas de control e acumulación da terra, consolidando a inaceptable distribución desigula dos recursos públicos. Dende a ECVC, valórase a intención de facer un reparto máis xusto das axudas da PAC, pero lembra que hai un longo camiño por percorrer entre a intención e a toma de decisións concretas, como se pode observar coa última reforma da PAC, onde as expectativas elevadas remataron cun sentimento de frustración.

– Plans estratéxicos: Por outra banda, o documento propón un sistema novo con respecto á aplicación das axudas da PAC, baseado no cumprimento duns obxectivos xerais -definidos a nivel europeo- e plans estratéxicos definidos polos estados membros. A ECVC considera que, en principio, pode ser interesante adaptar a implementación da PAC ás realidades territoriais, pero é imprescindible definir claramente os obxectivos que se queren acadar, garantir a participación das organizacións labregas na elaboración dos plans estratéxicos, así como no asesoramento do sector e o seguimento do proceso de adaptación e cumprimento. Dende este punto de vista, a ECVC rexeita calquera intento que poida haber tras desta proposta de renacionalización da PAC por esta vía.

– Promover a prosperidade rural: A Comisión Europea presenta a bioeconomía como un compoñente esencial para dinamizar o desenvolvemento rural. Porén, non é a bioeconomía a que vai dinamizar as zonas rurais, senón a promoción dun sistema agrícola que conta con numerosas e diversificadas fincas e granxas no territorio, mediante a posta en marcha de dispositivos colectivos de transformación e vendas. É grazas a unha actividade agrícola densa e diversa, con fins alimentarios, repartida por todo o territorio, que se poderá lograr o obxectivo do desenvolvemento rural.

– Atracción da mocidade labrega: Dende a ECVC, valórase que o relevo xeracional figure entre as prioridades do novo marco, pero en realidade é difícil imaxinar mozos e mozas que sintan atracción pola agricultura cando hai crises permanentes que afectan aos sectores produtivos que dependen das vendas á industria e á gran distribución. É máis, a xente nova non vai apostar pola profesión agraria cando o seu futuro está moi determinado pola situación dos mercados internacionais que someten aos labregos e ás labregas á volatilidade de prezos, inseguridade de ingresos e especulación.

– Saúde, nutrición e sostenibilidade: No documento da Comisión Europea, segue a falarse moito de saúde, nutrición e sostenibilidade, pero seguen sen definir os modelos agrarios, alimentarios e comerciais quen de garantir unha produción de alimentos sans e nutritivos, con sabor, respectuosos co medio ambiente e o benestar dos animais e que, ademais, contribúan a loitar contra o cambio climático e xeneren emprego e vida no medio rural. Para a ECVC, este modelo é o da agricultura labrega, familiar e sostible cuxa base son os labregos e as labregas.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: