A segunda edición dos premios Youtubeir@s busca incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube

Silva, Fernández, Sanmartín e Noriega presentaban o premio na Facultade de Comunicación.

O premio Youtubeir@s inicia a súa segunda edición dirixido a todas as persoas maiores de 14 anos fiel ao seu obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube, a rede social de vídeos máis grande do mercado global. As persoas interesadas en participar poden presentar vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego e subidos a Youtube dun xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao pasado ano. Así, a convocatoria contempla os apartados de vídeos-facermos, vídeos-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica ou calidade lingüística.

Outra das novidades desta convocatoria será o apartado ‘Premio do público’. As persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo –opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no que o xurado dará coñecer os vídeos gañadores.

A vicerreitora de Servizos Universitarios, Mª do Carme Silva Domínguez; a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega presentaron na Facultade de Ciencias da Comunicación a nova convocatoria que promoven os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove) e pola Deputación da Coruña.

A través destes premios, Youtubeir@s fomenta a creatividade con temas propios ao tempo que xera referentes en galego dun novo axente con gran repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeir@s. Asociado ao premio inclúense unha serie de programas formativos que se desenvolverán nos concellos e nas universidades organizadoras en forma de obradoiros que impartirá a produtora Illa Bufarda con especial atención ás persoas maiores de 50 anos non familiarizadas coas novas tecnoloxías.

Como se puxo de manifesto na presentación, Youtubeir@s estará presente en eventos culturais galegos como Culturgal, no que se realizará unha presentación pública cunha conversa con youtubeir@s este sábado ás 13.00 horas no Espazo Foro, ou en festivais relacionados coa creación audiovisual e dixital co obxectivo de crear sinerxías con festivais para a programación de contidos youtubeiros en galego.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: