Olalla Rodil aplaude a retirada da poxa do xacemento de Pena Grande

A deputada do BNG, Olalla Rodil, felicitouse paralización da venda dos terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico de Pena Grande de Férvedes en Vilalba, mais advertiu que na mesma poxa está prevista a venda (aínda se mantén) doutro predio, desta volta en Castroverde (lote 7) Expediente 2017 027 00066, dunha parcela en Montecubeiro situada dentro do ámbito de respecto estabelecido no PXOM de Castroverde para o Castro de Saceda. Rodil afirmou que “desde o BNG seguiremos traballando para garantir que a cesión ao Concello de Vilalba ou á Xunta de Galiza se materialice de maneira absolutamente gratuíta e ademais preguntaremos ao Goberno galego como algo así puido acontecer xa que saiu a poxa tres veces”.

A parlamentaria do BNG por Lugo manifestou a súa ledicia pola decisión adoptada polo Ministerio de Facenda español de retirar o xacemento de Pena Grande da poxa do vindeiro 15 de decembro e sinalou que “este é un exemplo de que a mobilización social e política é imprescindíbel e dá resultados. Recoñecemos, ademais, o paso dado por entidades sociais como Cultura do País que se organizou para adoptar todas as medidas que fosen necesarias para impedir que o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galiza rematase en mans de particulares pondo en risco a súa conservación”.

Para o BNG, “o noso patrimonio non pode ser obxecto de compra-venda por parte de ningunha administración pública e estas situacións non poden producirse porque son absolutamente inadmisíbeis”. Se non fose pola mobilización popular a venda do xacemento de Pena Grande tería pasado absolutamente desapercibida en boa medida pola deixación de funcións da Xunta que ten, de acordo coa Lei de patrimonio cultural de Galiza, a responsabilidade e competencia exclusiva en materia de patrimonio e, polo tanto, a obriga de salvagardalo, protexelo, conservalo, poñelo en valor e promover o seu estudo, investigación e coñecemento.

En Pena Grande está situado o principal xacemento arqueolóxico do Paleolítico Superior de Galiza e a finca na que se está situado foi sacada a subasta pública polo Ministerio de Facenda español. Rodil explicou que no Boletín Oficial do Estado (BOE) do luns 20 de novembro de 2017 o Ministerio de Hacienda y Función Pública publicarase unha resolución da Delegación de Economía y Hacienda de Lugo pola que se acorda a enaxenación en poxa pública de fincas rústicas na provincia de Lugo mediante o procedemento de presentación de ofertas en sobre pechado con poxas á alza. Entre os predios que saían a poxa, que terá lugar o vindeiro 15 de decembro de 2017, atópase a Parcela 146 do polígono 1, paraxe detrás da Pena Grande, da zona de concentración parcelaria de Santabaia, no Concello de Vilalba con referencia catastral l 27065C001001460000WE.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: