Medio Rural pedirá ao Mapama unha moratoria e excepcións para Galicia na aplicación das novas normas sobre uso de xurros

A Consellería do Medio Rural trasladará ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) a necesidade de implantar un período de transición e diferentes excepcionalidades para Galicia na aplicación da normativa sobe xurros nas superficies agrícolas. Así o anunciou hoxe a titular deste departamento, Ángeles Vázquez, na clausura da Semana Gandeira de Mazaricos.

A conselleira explicou que, ademais de pedir unha moratoria, a Xunta demandará ao Goberno Central que teña en conta as especificidades de Galicia á hora de desenvolver esta lexislación. Estas excepcións solicítanse en función do sistema de explotación, para as granxas en extensivo, por orografía e edafoloxía, polas condicións do clima, por tamaño das explotacións e a súa dispersión e por motivos socioeconómicos.

No caso da orografía, lémbrase que unha porcentaxe importante do solo agrario útil de Galicia localízase en zonas de alta montaña ou con limitacións naturais. A pendente nalgunhas destas áreas faría imposible practicar o aboado tal e como establece a normativa, implicando tamén un risco para as persoas durante a súa aplicación, polas altas posibilidades de que as máquinas se deslicen en chans húmidos.

Canto á edafoloxía, indícase que boa parte da nosa comunidade caracterízase por terreos de montaña pedregosos que impedirían a inxección do xurro. Pola climatoloxía, ponse de manifesto que Galicia é unha rexión con precipitacións elevadas durante períodos prolongados, que limita o tempo dispoñible para os labores agrícolas e que condiciona o acceso ás superficies e as prácticas de aboado, propiciando ademais desprazamentos e afundimentos do terro, co conseguinte risco de que a maquinaria envorque.

Minifundismo
Con respecto ao tamaño das explotacións e a súa dispersión, destácase o predominio do minifundismo en granxas pequenas e medianas, que constitúen o 80% do total, e que o emprego de novos sistemas require potencia e maniobravilidade, algo inviable en moitos casos. Por último, por razóns socioeconómicas, sinálase que a normativa obrigaría a realizar novos investimentos, por carecer desta maquinaria específica de aplicación de xurros e que require ademais, en moitos casos, tractores con maior potencia.

Estas xestións diante do Ministerio súmanse as reunións que a Xunta está a manter con outras comunidades autónomas –tales como Castela e León, Cantabria e Asturias– para contrastar posturas e ver en que medida lles vai afectar ás súas explotacións a nova normativa, co fin de buscar un consenso e estudar posibles excepcións a estas prohibicións, que van condicionar os pagos directos da vindeira PAC 2018.

A maiores, Medio Rural está elaborando diferentes informes para ver cantas explotacións galegas estarían afectadas, pois as pequenas quedan excluídas da norma, e poder decidir os pasos a seguir. Responsables de Medio Rural tamén se reuniron estes días coas organizacións profesionais agrarias para coordinar cos seus responsables as liñas de traballo neste caso.

Etiquetas

Publicidade

Axenda

Publicidade

Todos os artigos e novas da anterior web están agora aquí: