Skip to main content
ActualidadeCastro de Rei TERRACHÁXA

Ana Vázquez, mestra de ‘Educando en familia’: “A comunicación e a relación social son básicas para as familias”

Por 8 Decembro, 2017Sin comentarios

Ata 18 familias participan no programa ‘Educando en familia’ en Castro.

Ata 18 familias do municipio de Castro de Rei participan no programa ‘Educando en familia” que promove a concellería de Educación. Neste caso, a mestra orientadora é Ana María Vázquez, que tamén traballa en Xermade, Guitiriz, Begonte, Outeiro de Rei, Vilalba e na prisión de Teixeiro.

– En que consiste exactamente este programa?
– Educando en Familia é un programa socio-educativo que acompaña e asesora ás familias con nenos e nenas de 0 a 3 anos na vida diaria e directa sobre a súa educación intercambiando experiencias con outros adultos e outros nenos e nenas. O seu propio nome fai referencia á implicación e participación das familias que son as absolutas protagonistas da educación dos seus fillos e fillas. Nós, os mestres orientadores, somos os intermediarios nese proceso como modelos de comportamento e de enriquecemento nas súas vidas.

– E cando se desenvolven as sesións?
– Temos dúas reunións: unha semana os martes de once a unha e outra, os mércores pola tarde de tres e media a cinco e media no local da biblioteca en Castro Ribeiras do Lea.

– Que actividades se desenvolven nesas sesións?
– Desenvolvemos tanto actividades grupais e coma individualizadas coas que traballar a atención, a memoria, a linguaxe, a psicomotricidade tanto fina como grosa e todos os aspectos e dúbidas que lles xurden ás familias. O obxectivo é fomentar o tecido social de comunicación e relación.

– Que aspectos da educación pretenden reforzar?
– A relación cos outros iguais e, sobre todo, coas familias; e o acompañamento no día a día no seu medrar con seguridade e con cariño valorando a importancia que teñen os primeiros anos na vida do neno ou nena para medrar en seguridade e autonomía. Tamén pretendemos fomentar o respeto aos outros; así coma asesorar ás familias dende o principio para que poidan dar resposta ás necesidades dos seus fillos e fillas.

– Cales cres que son os aspectos positivos da participación dos máis pequenos e pequenas neste programa?
– O enriquecemento socio-cultural e educativo das persoas participantes. Ademais, todas as actividades que facemos pretende facer pasar un bo rato con outros iguais e coas súas familias porque o feito de dedicarlles tempo de calidade xa é un disfrute para a súa relación.

– É compatible cos Puntos de Atención á Infancia?
– Sí. Sempre e cando sexa compatible nos horarios laborais das familias porque neste programa sempre ten que participar un adulto acompañando ao neno ou nena para despois deste tempo trasladar a aprendizaxe á súa vida diaria.