As Xuventudes Socialistas de Vilalba elixen a Miguel González como novo Secretario Xeral

Miguel González, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba.

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de renovar a súa executiva local co nomeamento de Miguel González Montes como Secretario Xeral. O novo líder da organización xuvenil asumirá o cargo que viña realizando nos últimos catro anos Rodrigo Pavón Prieto, desde o momento no que se constituíron novamente as Xuventudes Socialistas en Vilalba en xullo do 2013.

Os mozos e mozas socialistas decidiron en asemblea as responsabilidades que cada un dos membros asumirá de agora en adiante: Miguel Novo Veleiro, Secretario de Política Municipal; Antía Maseda Otero, Secretaria de Igualdade e Benestar Social; Miguel López Souto, Secretario de Cultura e Deporte; Yolanda Pomarol Rivera, Secretaria de Formación; Óscar Pereira Orosa, Secretario de Educación e Universidade; e Vanesa Rut Siso Calvo, Secretaria de Organización e Acción Electoral.

“Despois dun tempo de procesos internos tanto no partido como nas xuventudes do mesmo, podemos asegurar que as e os socialistas priorizamos a participación como garante da democracia interna, que non só nomeamos senón que puxemos na práctica en cada elección”, subliñou González. En canto ó labor desenvolvido polos rapaces e rapazas vilalbeses nestes catro anos “cheos de traballo e ideas, estamos convencidos de que seguiremos na liña de dinamizar a nosa vila e de reforzar a nosa traxectoria propoñendo unha solución a cada crítica que fagamos e realizando actividades encamiñadas a mellorar a vida das persoas”, aseverou o Secretario Xeral electo, engadindo que “moitas das actividades que comezamos a realizar tempo atrás desde as xuventudes serviron de inspiración ao Concello para enfocarse cara a mocidade vilalbesa, tan abandonada polo goberno local”.

Neste senso, afirman “continuar co traballo que comezamos sen descanso para dar visibilidade á xuventude, reivindicar as súas problemáticas e ofrecerlles recursos que os fagan sentirse orgullosos dun lugar con moitas potencialidades”, que na opinión das XSG “están máis que desaproveitadas polo goberno do Partido Popular, un mandato xa caduco que precisa dun cambio para darlle a voz á xente nova”.

Etiquetas