Riotorto e Meira lembran a Avelino Díaz polo seu 120 aniversario

A Asociación Cultural Avelino Díaz organiza diversas actividades culturais neste mes de decembro cando se cumpren 120 anos do nacemento do poeta.

Se o martes 12 se presentaba no Museo de Pontevedra o libro de Avelino Díaz, 14 poemas, con edición crítica e estudo previo de Benigno Fernández; as actividades continuarán a partir do venres 22 de decembro co Lacón Poético. O acto conducido por Fe Fernández desenvolverase no local parroquial da Órrea – A Terra de Miranda a partir das sete e media do serán coa proxección do documental Riotorto emigrante: a voz dos retornados, de Vanessa Gómez Lourido e Miriam Bouso e a presentación do libro Avelino Díaz 14 poemas da man da poetisa María José Fernández seguido dun recital poético.

Tamén se entregará á Asociación de Veciños de Órrea o cadro “A Órrea dende Eirexa” por parte do pintor mirandés Antonio Rivas Pol e actuará o Coro de Riotorto antes do peche do acto da man do alcalde, Clemente Iglesias, e petiscos por Avelino para todos e todas as asistentes.

O sábado seguinte, o 23 de decembro, os actos trasládanse á localidade veciña de Meira onde se volverá a presentar o libro a partir das cinco da tarde no centro sociocultural nunha xornada de conferencias na que intervirán o catedrático de xornalismo da USC e secretario do Consello da Cultura Galega, Xosé López García, para falar sobre “Avelino Díaz: un periodista de raza” e o ex-presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, para abordar “A voz nobre e conmovida de Avelino Díaz na poesía galega transterrada de Buenos Aires (1930-1970). Ambas intervencións serán presentadas por Paulino Novo e Xosé Otero Canto, respectivamente; pero, ademais, tamén intervirá o presidente da asociación, Paco Veiga; e Tango en Xan3iro poñerá a música.

Xa ás oito do serán será a quenda de Nove Ferreñas Pandereteiras e outros grupos que estarán “Musiqueando a Avelino”. Tamén haberá petiscos.

Actividades dos colectivos integrados
Os colectivos integrados na AC Poeta Avelino Díaz tamén desenvolven diversas actividades coma a I Xornada da Terra de Miranda da Nova Escola Galega na Pontenova que se celebraba o 25 de novembro.

O IES Pedregal de Irimia impulsa un recitado de poemas baixo o nome “Avelino por un tubo” nas rúas e establecementos de Meira que se desenvolverá o venres 15 de decembro. E o sábado 16 será a Asociación de Amas de Casa Santa Isabel a que recite poemas na Casa da Cultura.

E na semana do 18 ao 21 de decembro, Avelino será protagonista nos centros educativos da zona. No caso do CEIP de Riotorto contarán Avelino “con moito agarimo” e no IES Pedregal de Irimia exporanse fotos, libros e marchendaría sobre Avelino, recrearán “Canzón pró sono dun neno”, desevolverán un obradoiro a partir de “Pallarega” e recrearán a festa da malla.

Tamén o mércores 20 de decembro a Asociación de Amas de Casa Río Miño recitarán poemas e falarán sobre Avelino no local social de Meira a partir das sete e media do serán. E o xoves 21, o alumnado do CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira reproducirá en madeira un retrato de Avelino para colocalo nun lugar destacado do centro.

Finalmente, o venres 22 de decembro a Escola de Música de Meira ofrecerá un concerto de Nadal para recordar ao poeta no centro sociocultural Federico González a partir das nove do serán. e a partir das dez da noite, celebrarase un recital poético con chocolate no cabanos do convento da man da Confraría Nosa Señora do Pedregal.

Etiquetas