A San Silvestre Vilalbesa consolídase como cita para despedir o ano facendo deporte

Vilalba volverá a celebrar unha nova edición da súa carreira popular do 31 de decembro. Así, a III San Silvestre Vilalbesa 2017 dará saída ás doce do mediodía na Praza da Constitución dende onde se percorrerá o núcleo urbano e as distintas rúas de Vilalba.

Na carreira absoluta, de aproximadamente 5.000 metros, poden participar tódolos participantes nados no ano 2003 e anteriores. E, na andaina de aproximadamente 2.500 metros, non existe límite de idade, podendo participar dende nenos/as recen nados no seu carro e a súa familia, ata os máis maiores. Tamén poden participar donos coa súa mascota sempre e cando, a mascota, leve o material idóneo para a seguridade dos participantes e do evento en sí. Tamén poden participar tódolos nenos e nenas das categorías previas para menores, sempre e cando teñan o dorsal.

As persoas interesadas en participar pódense inscribir na oficina de deportes do Concello ou a través de www.championchipnorte.com ata o 29 de decembro, aínda que se contemplan reduccións no prezo ao formalizar a inscrición antes do 26. Así, o prezo sería de 5 euros para a carreira da categoría absoluta ou 2 no caso de inscribirse antes do 26; mentres que para a andaina o prezo será de 2 euros ou 1 no caso de inscribirse antes do 26.

As distancias que recolle o reglamento para as categorías son de 400 metros para a categoría A (2010-2012), 1.000 metros para a B (2007-2009) e 1.600 metros para a C (2004-2006). A inscrición é gratuíta en calquera caso.

Ao seu remate haberá chocolate con churros para tódolos participantes con dorsal.

Premios
Coa finalidade de facer que o evento sexa o máis festivo posible para despedilo ano, premiaranse aqueles disfraces, traxes, complementos máis orixinais e divertidos para correr ou camiñar.

Pero, ademais, nas categorías menores haberá medallas para tódolos participantes e un agasallo para o mellor disfraz. Igualmente, na categoría absoluta, tamén se fará entrega doutro agasallo ao mellor disfraz.

Etiquetas