Skip to main content
ActualidadeBegonte

Educación recoñece o labor do CEIP Virxe do Corpiño polo desenvolvemento de proxectos innovadores na biblioteca

Por 16 Decembro, 2017Sin comentarios

O CEIP Virxe do Corpiño, da localidade lucense de Begonte, acaba de ser galardoado no cuarto concurso de traballos por proxectos coordinados polas bibliotecas escolares, que impulsa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no contexto do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares.

O obxectivo deste certame é recoñecer o labor que se desenvolve desde estes espazos para impulsar o uso de metodoloxías activas, a realización de traballos de investigación e interdisciplinarios e a adquisición das competencias informacionais por parte do alumnado. Así mesmo busca promover cambios no profesorado que faciliten a integración das tecnoloxías emerxentes, a mellora da calidade e a renovación das prácticas educativas.

En concreto o CEIP Virxe do Corpiño recibiu o premio, de 2000 euros, na modalidade 1, de proxectos de carácter interdisciplinario ou proxectos documentais integrados coordinados desde a biblioteca escolar. Ao abeiro desta convocatoria, á que se destinaron 33.500 euros (un 10% máis que o ano anterior), concedéronse un total de 21 premios en centros de toda Galicia.

Iniciativa en crecemento
O concurso de traballos por proxectos coordinados polas bibliotecas escolares é unha iniciativa en crecemento en número de traballos presentados. Non en balde, para esta cuarta edición analizáronse 102 proxectos realizados ao longo do curso 2016/17.

Así mesmo, cómpre sinalar que a calidade dos traballos presentados vai medrando ano a ano, propiciando o tratamento dos contidos curriculares a través de metodoloxías activas nas que o alumnado ten un importante protagonismo. Tamén que moitos dos proxectos se integran no medio no que está localizado o centro e incorporan ás comunidades educativas, transformando así a práctica de aprendizaxe nunha experiencia global que facilita a adquisición de habilidades e destrezas complexas e o desenvolvemento das competencias clave. De feito, algúns destes proxectos foron expostos nas pasadas VIII Xornadas de bibliotecas escolares, precisamente como un exemplo de boas prácticas.