Skip to main content
Actualidade

A Xunta investirá medio millón de euros en obras no colexio Veleiro-Docampo

Por 19 Decembro, 2017Sin comentarios

O colexio de educación infantil e primaria Veleiro-Docampo, en Castro de Ribeiras de Lea, é un dos centros da provincia da Lugo que se verá beneficiado en 2018 polo Plan de Rehabilitación Integral de edificios educativos que levará a cabo a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Este proxecto implicará unha serie de obras que contan cun orzamento inicial de medio millón de euros.

Entre as actuacións previstas inclúese a inxección de material na cámara de aire das fachadas, cambio das fiestras e carpintería exterior e persianas, colocación de falsos teitos e introdución de tecnoloxía led nas luminarias. Ademais, de xeito complementario, executarase o pintado interior do centro e, previsiblemente, a reforma dos aseos.

Segundo explica a Xunta, esta actuación reportará maior confortabilidade aos escolares e a todos os usuarios, así como unha mellora substancial da eficiencia enerxética do centro, que contribuirá tamén á redución considerable dos custes de mantemento, polo menor consumo de luz e calefacción.

Na actualidade, o CEIP Veleiro Docampo acolle a un total de 197 alumnos, deles 50 cursan infantil e 147 primaria.

O delegado tamén explicou que unhas das principais novidades no desenvolvemento deste plan é que a Consellería de Cultura e Educación convidou a 47 arquitectos novos para que redacten o proxecto definitivo.

Con estas actuacións a Consellería dá cumprimento á Estratexia Europa 2020 e á Estratexia de aforro e eficiencia enerxética no sector público galego para o período 2015-2020, na que a Xunta de Galicia é pioneira entre o conxunto de administracións públicas. Non en balde, no 2017 executáronse actuacións de eficiencia nos colexios lucenes de Cospeito (Virxe do Monte) e Guitiriz (CEIP Laongostelle)

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Francisco Javier Balado, deron conta desta actuación durante unha visita ao centro.