Skip to main content
ActualidadeXermade

A Xunta inaugura a senda peonil e ciclista entre Cabreiros e O Chao (Xermade)

Por 27 Decembro, 2017Sin comentarios

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda rematou as obras do itinerario peonil e ciclista na LU-170, que comunica Cabreiros e O Chao coa área recreativa existente nas proximidades destes núcleos, no concello de Xermade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o concello para comprobar o resultado dos traballos, nos que se investiron 119.730 euros, cofinanciados nun 80% con fondos FEDER para o fomento da mobilidade sostible para o período 2014 -2020.

A senda ten unha lonxitude aproximada de 545 metros e desenvólvese pola marxe dereita da estrada. Comeza na intersección entre a LU-170 e o ramal do enlace entre a LU-861 e a autovía AG-64 , e finaliza na intersección da LU-170 coa LU-861 en Cabreiros. Executouse sobre a calzada existente, deixando a vía de sentido único de circulación.

O itinerario executouse en formigón coloreado e conta con 2,15 metros de ancho, incluído o bordo de separación da calzada de 22 centímetros. Conta con varanda de madeira para protección dos peóns, dado que a estrada discorre en terraplén con desniveis no entorno do proxecto. Tamén se rehabilitou o firme da calzada resultante e se instalaron novas luminarias.

Esta obra forma parte da primeira fase do plan de sendas de Galicia, e foi seleccionada no estudo para o fomento da mobilidade sostible na Comarca da Terra Cha debido a que o   tráfico neste tramo de estrada é moi reducido e o ramal de conexión do enlace da AG-64 serve de variante da LU-170, polo que existe unha vía alternativa para os vehículos.

A Consellería de Infraestruturas atópase en pleno desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia, que concreta a construción de itinerarios, peonís e ciclistas, seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das nosas estradas e promover unha mobilidade máis saudable e sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

Na provincia de Lugo tamén están en marcha proxectos de construción de sendas peonís e ciclistas nos municipios de Portomarín, Lugo, Rábade, Outeiro de Rei, Friol e Láncara, cun investimento conxunto de 2,5 millóns d eeuros.

O proxecto enmárcase no Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que se aprobou en febreiro de 2016 e que se fixa como obxectivo estratéxico reducir á metade as vítimas mortais nas estradas galegas e alíñase cos obxectivos do Plan Estratéxico 2015-2020 de Galicia e coa Estratexia Europea 2020, en canto á promoción dunha economía baixa en carbono mediante o fomento dunha mobilidade sustentable.