Guitiriz organiza unha serie de rutas en bicicleta

O Concello de Guitiriz e o Club Ciclista Btteiros Cova da Serpe levarán a cabo a partir deste domingo o programa BTTEANDO por Guitiriz, que consiste na celebración dunha serie de rutas en bicicleta polo Concello co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio do mesmo e fomentar a práctica do deporte e os hábitos de vida saudables.

Este tipo de actividade, que non ten carácter competitivo, desenvolverase un domingo ao mes ata xuño con saída ás 10.00 horas da mañá. Cada ruta terá unha duracción aproximada de 3 ou 3 horas e media. A primiera, que terá lugar o 14 de xaneiro, será a ruta do Muíño da Ruxida, en Parga. O 18 de febreiro farán a ruta do pantano de San Xoán, o 12 de marzo a da pedra de Xosé María Díaz Castro e o 15 de abril a das bidueiras no monte de San Breixo. Finalmente, o 13 de maio contan desenvolver a ruta do Camiño Norte de Santiago tradicional e no verán unha ruta sorpresa.

Todas as rutas están abertas ao público en xeral a partir de 10 anos de idade. A organización lembra que é necesario o uso de casco e aconsellable o de luvas e chuvasqueiro en caso de choiva.

Etiquetas