Skip to main content
ActualidadeVilalba

Miguel González Montes: “Propuxemos ao Concello accións para fomentar o emprego”

Por 11 Xaneiro, 2018Sin comentarios

Miguel González, secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Vilalba

As Xuventudes Socialistas de Vilalba veñen de renovar a súa executiva local co nomeamento de Miguel González Montes como Secretario Xeral. O novo líder da organización xuvenil asumirá o cargo que viña realizando nos últimos catro anos Rodrigo Pavón Prieto, desde o momento no que se constituíron novamente as Xuventudes Socialistas en Vilalba en xullo do 2013.

Os mozos e mozas socialistas decidiron en asemblea as responsabilidades que cada un dos membros asumirá de agora en adiante: Miguel Novo Veleiro, Secretario de Política Municipal; Antía Maseda Otero, Secretaria de Igualdade e Benestar Social; Miguel López Souto, Secretario de Cultura e Deporte; Yolanda Pomarol Rivera, Secretaria de Formación; Óscar Pereira Orosa, Secretario de Educación e Universidade; e Vanesa Rut Siso Calvo, Secretaria de Organización e Acción Electoral.

Miguel González actúa tamén como coordinador das Xuventudes Socialistas de Lugo. Pero como toma esta nova responsabilidade?

Precisamente a palabra é responsabilidade. Tanto na miña tarefa a nivel provincial, como agora a nivel local, hai moitas liñas nas que traballar para dar visibilidade á xuventude e reivindicar o papel tan importante que xoga na construción desta sociedade que cambia a pasos axigantados. Somos a xeración máis preparada pero tamén a que dispón de menos oportunidades, isto é algo que non podemos aceptar e a única maneira de cambialo pasa porque os mozos nos impliquemos na vida social e política. Temos moito que dicir desde os nosos municipios, especialmente desde aqueles máis abandonados e maltratados pola xestión dos gobernos de dereita.

Cales son as liñas xerais desta nova etapa das Xuventudes Socialistas de Vilalba?

Co cambio de liderado e de equipo pódese falar dunha nova etapa, pero as liñas son as mesmas que mantemos desde o noso inicio, pivotando principalmente sobre tres eixos: a dinamización cultural e deportiva de Vilalba, a formación xuvenil en valores progresistas, e a defensa conxunta dun socialismo vilalbés que medra co apoio dunha mocidade disconforme co caciquismo do Partido Popular.

Algunha idea ou proxecto para poñer en marcha máis inmediatamente? E a máis longo prazo?

Polo de agora levaremos a cabo no Nadal unha proxección dun documental sobre a drogodependencia e as consecuencias tan devastadoras na poboación xuvenil. A longo prazo temos proxectos novos que aínda non podemos desvelar.

E, ata o de agora, cales considera os máis destacados logros da agrupación?

Desde que aparecimos no 2013, reivindicando máis protagonismo para a xuventude, máis actividades e, en definitiva, máis implicación do concello coa mocidade, percatámonos dalgúns cambios. Moitas das iniciativas que puxemos en marcha serviron ao goberno local de inspiración, cousa que consideramos un logro.

Como agrupación xuvenil, os mozos e mozas de Vilalba son un dos seus intereses? Cales son as súas principais necesidades ou dificultades na actualidade?

Son a nosa principal motivación, pois nós somos mozos e mozas de Vilalba tamén. Tendo en conta o rango de idade da xuventude, cremos que as altas taxas de desemprego, inserción laboral, o custos dos estudos e o conservadurismo social son os nosos grandes retos a bater, ou sequera a mellorar. Ademais, falando particularmente de Vilalba, precisamos maior dinamismo e igualdade de oportunidades entre a veciñanza das parroquias e a do casco urbano.

Cales son as súas demandas ao respecto? E teñen as XSG algunha proposta concreta?

Propuxemos no concello accións para fomentar o emprego, para facer prácticas remuneradas en período estival para axudar ás familias de estudantes, o desenvolvemento dun plan de igualdade, o fomento do asociacionismo xuvenil… En todas elas nos topamos cun non rotundo do equipo de goberno, é o caso tamén da proposta de protocolos para a prevención do acoso escolar que presentamos, un tema que o goberno local di considerar moi importante, pero coma no resto, prefire non tomar cartas no asunto.

Que outros temas preocupan ás Xuventudes Socialistas de Vilalba?

Preocúpanos o esmorecer da vila, comprobar que a cada ano que pasa as rúas están máis desertas. Aínda que ao concello semelle non preocuparlle, a mocidade non ve a vila como un lugar de oportunidades, senón como un lugar do que fuxir. Nós estamos orgullosos de ser de Vilalba, pero dunha Vilalba viva, na que cremos e pola que seguiremos loitando.