O PSOE acusa a Baamonde de clientelismo na concesión de obras

O grupo Municipal Socialista de Vilalba acusa ao actual alcalde, Agustín Baamonde, de clientelismo político na concesión de obras “a dedo”. Os socialistas poñen como exemplo a concesión da obra da pintura da piscina municipal a Pinturas Paulino González S.L, empresa do ex concelleiro popular, administrador á súa vez de Propegón S.L, construtora da urbanización privada Os Olivos de Sancovade, enganchada durante cinco anos ao alumeado público, onde tamén ten intereses o recentemente nomeado concelleiro Julio Vázquez Otero.

Os resprsentantes do grupo socialistas explican que xa denunciaran hai 5 anos irregularidades na urbanización de Portobarroso, na parroquia vilalbesa de Sancovade, por ter consumido fluído eléctrico do alumeado público, “deuse lugar á apertura dun expediente, tarde, mal e arrastro, no que se afirma o que levamos dicindo moito tempo”, subliñou o edil socialista Luis Fernández. Ademais, desde o PSOE destacan que “se xa todo isto é grave, atopámonos cunha resposta compracente da empresa Propegón nun escrito dirixido ao alcalde, totalmente inxustificable”. Neste escrito ao que fan referencia os socialistas, pódese ler “instamos ao Concello de Vilalba para que proceda á súa desconexión, se así o considera oportuno”, en palabras da construtora ao Concello logo de cinco anos de conexión irregular á luz pública.

Etiquetas