Unha empresa de Outeiro de Rei, beneficiaria das axudas da Xunta para empresas non agrícolas

A Consellería do Medio Rural achegou preto de 600.000 euros para apoiar as iniciativas de ampliación e modernización de dezaseis pequenas empresas lucenses, emprazadas no rural e que desenvolven actividades non agrícolas.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a axuda autonómica permitiu ás empresas beneficiarias mobilizar un investimento total que supera os 1,3 millóns de euros e, de feito, a axuda é do 45% dos gastos subvencionables. 

Na comarca da Terra Chá só foi beneficiada unha empresa. Concretamente, Maquinaria Agrícola Indusagri SL, polo seu proxecto de adquisición de maquinaria tecnolóxica avanzada que lle permitirá dinamizar a liña de produción, a fabricación de novos produtos e a maximización da productividade da industria. Esta empresa recibirá 47.250 euros dun total de 105.000 de custe da acción prevista.

Entre os  outros 15 proxectos subvencionados figuran actividades de moi diversos tipo, industriais, comerciais e de investimento en nova maquinaria e tecnoloxía. O obxectivo final é apoiar a ampliación e modernización de pequenas empresas mediante a adquisición de equipamentos produtivos destinados a actividades non agrícolas, co fin de reforzar o tecido produtivo empresarial no territorio rural galego.

Estes apoios, contribúen á diversificación económica do medio rural, permiten xerar novas oportunidades de emprego e crecemento, así como contribúen ao equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais.

Se algo precisa a nosa provincia son máis empresas e emprendedores que elixan vivir e traballar no medio rural e, convencidos disto, o Goberno galego publica axudas periódicas con este fin.

Etiquetas