O PSOE de Abadín denuncia ao alcalde por non convocar o pleno en 10 meses

O voceiro do grupo municipal do PSOE en Abadín, Pablo Díaz López, denunciou ante a Valedora do Pobo “a constante e reiterada vulneración do dereito de participación política”, que recolle o artigo 23 da Constitución, por parte do alcalde do Partido Popular deste municipio, José López Rancaño, pois leva máis de 10 meses sen convocar ao Pleno, impedindo que os grupos da oposición, que representan ao 30% dos veciños deste Concello, poidan levar a cabo a súa labor construtiva, de control ou fiscalización.

O socialista apuntou que “Rancaño está malgobernando o Concello de xeito totalmente autoritario, impoñendo a súas decisións unilateralmente, deixando aos grupos da oposición nunha clara situación de indefensión, pois non podemos, nin tan sequera, presentar mocións ou propostas que contribúan a mellorar a situación do noso Concello e, polo tanto, dos nosos veciños. Está vulnerando os nosos dereitos, deixando fóra da actividade pública e política a, cando menos, o 30% dos veciños de Abadín que nos elixiron para representalos, amosando un absoluto desprezo cara os mesmos”. 

“Dende o PSOE xa presentamos en numerosas ocasións reclamacións, solicitando a convocatoria do Pleno, e pedimos explicacións a Rancaño por non telo feito, sen obter resposta algunha. Algo terá que dicir tamén ao respecto o Partido Popular de Elena Candia, de Balseiro ou de Feijóo, pois isto é un claro atentado e unha violación ao dereito fundamental a participar nos asuntos públicos do que somos titulares todas as persoas elixidas polos novos veciños para exercer un cargo público”.

“E non só está a vulnerar o dereito á participación política que recolle a Constitución, senón tamén a Lei da Administración Local de Galicia, que estable a obriga de celebrar sesión ordinarias do Pleno Municipal como mínimo cada 2 meses. Tamén incumpre o acordo do Pleno de Abadín, que o Alcalde do PP votou a favor, para a celebración de Plenos ordinarios os últimos xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro, ás 16:00 horas.

Xurisprudencia

Díaz López apoiou a súa demanda na sentencia da Sala 3ª do Tribunal Supremo, do 5 de xuño de 1987, na que se refire que “infrínxese o dereito a participar nos asuntos públicos a través dos representantes legalmente designados, a negativa á convocatoria dun pleno municipal, tanto se o Concello estaba en virtude de acordo plenario previo, como si deriva da obriga da convocatoria de estar firmada a solicitude por un número suficiente de Concelleiros. A denegación da celebración dunha sesión de pleno, acordada expresamente polo máximo órgano de goberno dos Concellos constitúe unha violación do dereito fundamental a participar nos asuntos públicos do que son titulares unhas persoas elixidas para exercer un cargo público, máxime si todo elo se enmarca nun sistema de Goberno Municipal como o consagrado na Lei de Bases, véndose limitada a súa participación nos asuntos municipais a un pleno cada 3 meses, á marxe de cantas peticións de pleno extraordinarios desexen realizar”. 

Celebrados 4 de 11 Plenos

Dende setembro de 2015, o Alcalde do PP convocou 4 Plenos dos, cando menos, 11 que debería ser convocado. Estes tiveron lugar o 29 de xaneiro de 2016, o 29 de setembro de 2016, o 27 de xaneiro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2017. O PSOE presentou varias reclamacións para a celebración de Pleno con rexistro de entrada 10 de maio, 30 de maio, 10 de agosto de 2016 e 9 de outubro de 2017, sen obter resposta algunha. O voceiro apuntou que o Alcalde do PP só ten convocado algún Pleno Extraordinario, onde exclusivamente el fixa os asuntos, que a oposición nin coñece, non permitindo nin tan sequera, incluír rogos ou preguntas.

Etiquetas