A Deputación consegue a unanimidade na aprobación do Plan Único 2018

“Cando tomei posesión como Presidente da Deputación dixen que ía facer política con maiúsculas, como sempre fixen dende que ostento algún cargo público, entendendo como cal a capacidade que temos os representantes institucionais para responder ás necesidades dos novos veciños e mellorar polo tanto a súa calidade de vida. Creo que isto é o que estou facendo na Deputación. Nestes dous últimos anos, 2016 e 2017, dende este Goberno Provincial achegamos máis de 80 millóns de euros aos máis de 300.000 veciños dos 67 municipios a través de distintas programacións. Isto supuxo que a Deputación fose a institución que máis inviste en obra pública, en emprego, pois xeramos máis de 1.000 postos de traballo, en turismo, cultura ou deportes. Hoxe damos un paso máis coa aprobación do Plan Único de 2018, pois permítenos achegar outros 21 millóns a todos os Concellos, que non serán os únicos fondos que recibirán este ano. E todo isto cando outras administración teñen abandonada a nosa provincia. E refírome claramente á Xunta de Galicia e ao Goberno Central. Que tomen nota, que fagan dunha vez por todas políticas con maiúsculas, que distribúan os fondos públicos de todos os cidadáns de maneira obxectiva, traendo algún a nosa provincia. Dicirlle ao PP que se preocupen por Lugo e que atenda as constantes reclamacións dos nosos veciños. Que doten á provincia de hemodinámica 24 horas, que fagan as infraestruturas prometidas e melloras nas que temos, ou que retiren o seu proxecto de Lei de Saúde ao que os lucenses dicimos non porque só supón o desmantelamento da sanidade pública na nosa provincia. O único programa que o PP dende a Xunta de Galicia distribúe de forma obxectiva nos municipios é o PEIM e  recortárono en máis de 6 millóns de euros na nosa provincia”.

Así o subliñou este martes o Presidente, Darío Campos Conde, tras a aprobación no Pleno do Plan Único de 2018 por unanimidade, pois por primeira vez non saíu adiante só cos votos dos Deputación do PSOE, senón que nesta ocasión si o apoiaron as restantes formacións políticas. Neste senso, Campos Conde dixo que “para poder facer parte do Plan Único hai cando menos que votalo a favor, pois o PP nunca o apoio, ao igual que o orzamento da Deputación. Alégrome que por primeira vez haxa unanimidade e que todos aseguren que o Plan Único vén para quedarse nesta institución”, engadiu.

Neste senso, o Deputado de Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, que defendeu durante o debate plenario a proposta do Goberno da Deputación do Plan Único de Cooperación cos Concello para 2018, dixo ao Partido Popular que “si, somos un Goberno en minoría, pero o Goberno que propón e decide de que maneira se distribúen os fondos. E temos a vontade de facelo de xeito equitativo, como fixemos no 2016, no 2017 e agora no 2018. Unha distribución equitativa que brilla pola súa ausencia nas institucións nas que goberna o Partido Popular. A única Deputación que non ten Plan Único é a de Ourense, gobernada polo Partido Popular. Entre xuño e novembro de 2017, a Xunta do PP repartiu máis de 16 millóns de euros entre 21 Concellos da provincia, 19 deles gobernados polo PP”, subliñou.

Plan Único 2018

A través do Plan Único de Cooperación cos Concello para 2018 a Deputación achega aos 67 Concellos da provincia 21 millóns de euros, distribuíndo estes fondos en base á superficie, poboación, núcleos poboacionais e taxa de envellecemento de cada un dos municipios lucenses. Isto supón axudas de 500.000 euros nos maiores Concellos, como Lugo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba ou Sarria, e duns 200.000 euros nos máis pequenos, como Negueira de Muñiz, Rábade ou Triacastela.

Estes fondos son para obras de mellora, emprego, benestar, turismo, deporte e cultura. Os Concellos deberán achegar un mínimo do 50% dos fondos que reciben a novos investimentos, o que supón cando menos 10,5 millóns, así como outros mínimo dun total de 1,8 millóns de euros para manter o Servizo a Domicilio a non dependentes, que hoxe a Deputación presta a 1.800 maiores que non atende a Xunta. Os municipios teñen total autonomía para decidir os fondos que destinan a emprego e ata un 30% dos mesmos para turismo, cultura e deportes. Tamén hai unha liña dun total de 176.000 euros para financiar os 44 Grupos de Protección Civil nos Concellos, pois a Xunta recortou os seus fondos poñendo en risco o mantemento dos mesmos. 

Etiquetas