A Xunta entrega novos colectores de residuos en concellos chairegos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio fixo entrega nas últimas semanas de 294 novos colectores de residuos para a reciclaxe a 17 concellos da provincia de Lugo.

Esta acción enmárcase no acordo da consellería con Ecoembes -organización medioambiental sen ánimo de lucro- para ampliar a rede de puntos de recollida selectiva de envases de plástico, latas e briks (colector amarelo) e de envases de papel e cartón (colector azul). Atendendo ás solicitudes dos propios concellos, a gran maioría dos novos colectores distribuídos na provincia -248 en concreto- son para envases lixeiros e 46 para papel e cartón.

Balseiro subliñou que a distribución dos colectores pretende incrementar as taxas de reciclaxe, “poñendo os medios para que sexa máis doado para os cidadáns depositar os residuos no lugar apropiado”.

Os municipios aos que se lles fixo entrega recentemente de novos colectores son os de Abadín, Antas de Ulla, Barreiros, Chantada, O Corgo, Pantón, Folgoso do Courel, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Páramo, Trabada, Palas de Rei, O Valadouro, Viveiro, Xove e A Pobra de Brollón. O investimento total supera os 111.000 euros.

Este reparto de contedores ven acompañado doutras medidas que pon en marcha a Consellería para incrementar as taxas de reciclaxe na provincia, como son as periódicas campañas de concienciación de reciclaxe de diferentes tipos de materiais. A este respecto, cabe lembrar que nos últimos meses percorreu a provincia unha campaña para fomentar a reciclaxe de aparellos electrónicos.

José Manuel Balseiro subliñou que a Xunta está a realizar un importante esforzo de cara a promover a economía circular, “traducindo a feitos concretos o  Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022”, un programa que establece as bases para impulsar o tratamento de residuos domésticos cara a un escenario máis sostible. Ademais, traballa na   futura Estratexia galega de Economía Circular, mediante a cal preténdese abandonar o caduco sistema lineal de fabricar-usar-tirar por un sistema que permita o máximo aproveitamento dos produtos.

Etiquetas