CCOO presenta un estudo no que denuncia o empobrecemento das traballadoras galegas

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) presentou un estudo no que alerta do empobrecemento das traballadoras galegas e das desigualdades laborais. Silvia Parga, economista do sindicato, debullou os principais aspectos que explican a fenda salarial entre mulleres e homes, así como a crecente precariedade laboral da poboación feminina. Á luz dos datos, Mamen Sabio, secretaria da Muller de CCOO, defendeu que está «plenamente xustificada» a convocatoria de folga do próximo xoves, día 8 de marzo.

Segundo Mamen Sabio, “a igualdade efectiva entre sexos segue sendo unha materia pendente, e vese ben claro no eido laboral”. Puxo como exemplo que en Galicia hai máis mulleres (52 %) ca homes en idade de traballar, pero participan menos no mercado laboral: o 49,41 % das mulleres en idade legal de traballar son activas, porcentaxe que se incrementa ao 57,9 % no caso dos homes. A barreira é aínda maior no que atangue aos postos de responsabilidade, nos que as mulleres “continúan a ser clara minoría” (30 %), reprochou a sindicalista.

Hai traballando menos mulleres ca homes e, por riba, «o seu emprego é máis precario», abundou Silvia Parga. A economista de CCOO explicou que no 2017 traballaban a xornada parcial o 22 % das mulleres, situación na que só estaba o 6 % dos homes. É máis: o 77 % dos empregos a xornada parcial están ocupados por mulleres. Neste punto, Mamen Sabio puntualizou que o 60 % das traballadoras a tempo parcial non desexaban estar nesa situación, mais aceptaron «ao non atopar un emprego a tempo completo».

Máis mulleres con xornadas a tempo parcial, pero tamén máis traballadoras con empregos temporais: no 2017, o 28,7 % das traballadoras por conta allea tiñan un emprego temporal, fronte ao 25,3 % dos homes. Ademais, as mulleres concéntranse sobre todo no sector dos servizos, especialmente nas ramas máis feminizadas, que son tamén as peor remuneradas.

O emprego a tempo parcial, a precariedade, a segregación ocupacional, as brechas nas taxas de actividade, ocupación e paro, entre outros factores, axudan a explicar por que os salarios das mulleres son, en media, inferiores aos dos homes. Tamén explican por que o fenómeno da “pobreza laboral” prexudica máis as mulleres. “Hoxe en día, ter un posto de traballo non exclúe automaticamente que unha persoa, especialmente se é muller, poida estar no limiar da pobreza”, lamentou Mamen Sabio.

Segundo os datos da enquisa anual de estrutura salarial, a diferenza salarial entre homes e mulleres alcanzou os 5096,50 euros no 2015. Isto quere dicir que o salario medio anual das mulleres tería que aumentar un 28,2 % para equiparse ao dos homes.

As mulleres son maioría nos tramos salariais máis baixos. Segundo os datos da Axencia Tributaria, no 2016, o 36,2 % das asalariadas obtiveron uns ingresos salariais que non superaban o salario mínimo interprofesional, dez puntos por riba dos homes na mesma situación (26,1 %).

A precariedade e a pobreza salarial no presente tradúcense en «peores prestacións por desemprego e paupérrimas pensións futuras», alertaron Parga e Sabio. A brecha de xénero nas prestacións por desemprego sitúase no 16,7 %, mentres que nas pensións está no 40,5 %. Así mesmo, a pensión dunha porcentaxe moi alta de mulleres apenas supera os 600 euros en catorce pagas ao ano. No 2016, o 45 % das mulleres pensionistas percibiron uns ingresos inferiores á pensión mínima interprofesional (8449 euros anuais). No caso dos homes, a porcentaxe diminúe ata o 33 %.

Após a exposición deste estudo, a secretaria da Muller de CCOO chamou a facer da folga do próximo día 8 un éxito. Sabio asegurou que o sindicalismo de clase «ten que dar un paso adiante» para combater estas desigualdades, e alertou especialmente sobre a fenda salarial e as súas repercusións: “róubannos salario e róubannos pensións”, enfatizou.

Etiquetas