Skip to main content
Actualidade

O Concello de Castro de Rei creará un viveiro de empresas

Por 8 Marzo, 2018Sin comentarios

O Concello de Castro de Rei estudia crear un viveiro de empresas no polígono industrial de Castro de Ribeiras de Lea aproveitando tres naves e un local.

Para iso solicitou á Consellería de Economía e Industria unha subvención, que rondaría os 339.000 euros e que se destinarían a facer realidade un proxecto que, segundo indicou o alcalde, vén xa do ano pasado, e contemplan a localización das novas instalacións nunha parcela dotacional de titularidade municial.

Segundo Francisco Balado, o obxectivo desta acción sería impulsar a creación de novos proxectos no termo municipal.

PROPOSTA. Días antes deste anuncio, o BNG presentou unha iniciativa no pleno para instar ao Goberno Municipal a crear un viveiro de empresas. Segundo a proposta do BNG este viveiro dotaríase de locais acondicionados para iniciar neles unha actividade industrial ou empresarial. “É unha das vías para impulsar a creación e asentamento de empresas e iniciativas de emprendemento no termo municipal” afirmou Digna Lagarón, vociera do BNG en Castro de Rei.

“O goberno do BNG ten que poñer todos os medios para evitar que o concello quede por debaixo dos 5.000 habitantes o que suporía un grave perxuizo” afirmou Digna Lagarón. Engade que “son moitos os frontes nos que debemos actuar para superar a situación actual: prestar máis e mellores servizos públicos, mellorar a rede viaria e os equipamentos municipais, promover actividades culturais e turísticas, impulsar medidas para facilitar a creación de emprego, etc., son accións necesarias para frear a emigración e favorecer o asentamento dos inmigrantes”.