Xurxo Alonso gaña o III Premio Xosé María Castro de Poesía

O xurado do III Premio Xosé María Díaz Castro de Poesía, logo da pertinente deliberación, decidiu conceder o galardón, por maioría, ao orixinal presentado baixo o título Oracións profanas, obra de Xurxo Alonso.

No poemario gañador o xurado, composto por Ánxela Rodríguez Rodríguez (como vogal), Miguel Anxo Fernán Vello (en calidade de presidente), Armando Requeixo (vogal) e Rexina Polín Rodríguez (secretaria, con voz e sen voto), estimou “a poderosa voz oracular que destila a trintena de poemas deste libro, cheo de resonancias épicas, cunha selección léxica admirable, que tece o verso nun laio clamoroso a través do cal revisita os grandes temas da poesía de todo tempo e do noso tempo. A superior harmonía destes versos, a súa elaborada arquitectura tanto de conxunto coma microtextual revelan unha imaxinería fulgurante que convida a reler o río da memoria que nos leva neste presente intenso e avolto que nos tocou vivir”.

O xurado quixo salientar, así mesmo, a calidade dos traballos presentados a concurso, que evidencian o estado de magnífica saúde da nosa poesía e a simpatía coa que, dende as primeiras convocatorias, está a ser acollido o premio que leva o nome do máis insigne poeta de Guitiriz e que, polo mesmo, é o seu mellor embaixador.

Etiquetas