Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

A provincia rexistrou a corta de 3,8 millóns de toneladas de madeira

Por 17 Marzo, 2018Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural tramitou durante o pasado ano a corta de 3,8 millóns de toneladas de madeira na provincia de Lugo (en concreto 3.868.070 toneladas). O 94 por cento deste volume corresponde ás solicitudes formuladas polos particulares e o resto a actuacións en montes de xestión pública.

Balseiro subliñou que estas cifras poñen de relevo o potencial que ten o sector forestal na provincia, que figura entre as principais produtoras de madeira de España; “un potencial -afirmou- que a Xunta intenta desenvolver con programas de apoio para que os titulares coiden os montes e obteñan beneficios a través dunha explotación sustentable dos recursos forestais”. Ao respecto, o valor estimado das operacións de venda da madeira procedente das cortas tramitadas no 2017 supera os 100 millóns de euros.

En concreto, o Servizo de Montes da Delegación Territorial de Lugo tramitou 26.893 solicitudes de particulares para a venda de 3,6 millóns de toneladas de madeira, que implica unha superficie forestal de 12.962 hectáreas.

Por outra banda, a Xunta xestiona maioritariamente mediante convenio -tamén mediante consorcio- montes de titularidade privada na provincia, nos que realiza labores de mantemento como poda, rareos ou clareos, e tamén cortas chegado o momento. Durante o pasado ano cortáronse nestes montes 221.131 toneladas de madeira, nunha superficie de 3.583 hectáreas. O prezo de adxudicación desta madeira sumou 4,6 millóns de euros (4.621.517 euros), que reverten nos propietarios dos montes, na súa maioría comunidades de montes veciñais en man común.

A reversión nos titulares dos montes xestionados por convenio pode ser pola totalidade do importe de venda ou polo 70 por cento, neste caso cando se precisa amortizar o custo de traballos realizados pola Xunta para o coidado da masa forestal ata obter as condicións óptimas para a corta.

Distribución por especies

Do volume total de madeira cortada por particulares, o 50,1 por cento foi de eucaliptos e o 46,9 por cento de coníferas -basicamente pinos- e o 3 por cento restante de frondosas -carballos, castiñeiros e bidueiros-.

O distrito forestal da Mariña acapara máis da terceira parte destas cortas (34,3 por cento), seguido do de Lugo-Sarria, que rexistra o 26,1 por cento, e o da Terra Chá en terceiro lugar, cun 24,7 por cento. O distrito da Fonsagrada-Os Ancares supón o 9,4 por cento e o de Terra de Lemos o 5,5 por cento.

Existe clara diferenciación por especies no territorio, xa que mentres na Mariña a madeira de eucalipto representa máis do 86 por cento das cortas, en Lugo-Sarria máis do 73 por cento son cortas de pinos, estando a relación máis igualada na Terra Chá (46,9 por cento pinos e 50,4 por cento eucaliptos).