Vilalba Aberta pedirá no Pleno o arranxo da Rúa do Lameirón

A asemblea de Vilalba Aberta levará ao vindeiro Pleno Ordinario de marzo as reivindicacións dos veciños da Rúa do Lameirón, relativas ás continuadas deficiencias no estado do seu firme. Un calexón, cuxa saída cara a Rúa de Ribadeo padece inverno tras inverno as consecuencias das primeiras augas e a continuada aparición de fochancas producidas ao se levantar a súa capa superior e coa dispersión da gravilla.

“A veciñanza do Lameirón leva anos falando co Concello e sempre se atopa con largas” declaraba o voceiro asembleario e seu edil, Modesto Renda, quen non deixou pasar a ocasión para denunciar ao Concello pola continuada aplicación de recheo de obra coma única solución na zona. Unha “ocorrencia” di, que “desaparece coas primeiras choivas do ano e o único que fai é atascar os sumidoiros  da veciñanza” 

Neste senso se pronunciará no Pleno, a fin da aplicación por parte do Concello de “criterios obxectivos”, que veñan a “ordenar a actuación sobre as múltiples pistas e camiños co único obxectivo da inmediata atención dos casos máis urxentes, utilizando os medios propios dispoñibles e dando – por suposto – preferencia ás vías en peor estado que, coma a do Lameirón, son visibles en infinidade de núcleos do municipio”

Etiquetas