A Deputación garante o acceso aos centros de maiores como o de Pol

O presidente da deputacion Provincial, Darío Campos Conde, e os alcaldes da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo; Pol, Lino Rodríguez Ónega; Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega; Trabada, Mayra García Bermúdez; Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo; e Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, asinaron estes o protocolo de colaboración entre a Deputación e os Concellos para a posta en marcha das residencias e centros de día. Este documento define o modelo de xestión e o acceso ás prazas de ditas instalacións que acordaron os concellos, respectando a autonomía municipal e cumprindo coa legalidade.

Campos Conde explicou que “Deputación e concellos sumamos esforzos para construír unha rede de residencias e centro de días públicos nos municipios da provincia. E fixémolo porque a Xunta de Galicia, a administración galega responsable, se negou a facer centros de maiores públicos na nosa provincia a pesares da súa grande necesidade. Deste xeito, dende a Deputación fixemos un esforzo inversor de máis de 10 millóns de euros tan só na construción dos centros de maiores da Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribas de Sil, Trabada e Ribadeo. Os Concellos tamén colaboraron con fondos municipais no financiamento das obras”.

“Posteriormente, a Xunta de Galicia, insisto a administración galega responsable, tamén se negou en reiteradas ocasións a concertar prazas públicas nos centros de maiores públicos da Deputación nos Concellos, cando sí o fai en centros privados. Por este motivo, Deputación e Concellos volvemos a sumar esforzos, suplindo de novo a unha Xunta inexistente na nosa provincia; a unha Xunta que non está, nin se lle espera”.

“Como Alcalde que son sempre defendín a autonomía municipal; evidentemente, o cumprimento da legalidade, pois non pode ser doutro xeito; e que os centros da terceira idade, un proxecto que naceu para satisfacer unha das grandes necesidades dos nosos veciños, feito ademais con fondos públicos dos lucenses, cumpra co seu cometido: atender aos nosos maiores por igual, independente da súa situación económica. Baixo estas premisas, os Concellos decidiron o modelo de xestión e o acceso ás prazas dos seus centros de maiores e o sistema de acceso ás prazas, recollendo todo isto no protocolo que hoxe asinamos”, explicou.

Acceso universal a 190 prazas de residencia e 90 de centro de día

O protocolo recolle que os centros de maiores teñan unha xestión pública dende a Deputación e os concellos; que as prazas sexan de xeito preferente para os veciños do Concello onde se sitúa a residencia e centro de día, en segundo termo para os dos municipios limítrofes e da Comarca e logo para lucenses en xeral; e que todos os veciños, independentemente da súa situación económica, poidan acceder as prazas. Son 190 de residencia e máis de 90 de centro de días as que se ofrecen nas instalacións da Fonsagrada, Pol, Trabada, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil e Ribadeo. Para elo, terase en conta a distinta capacidade económica de cada un dos usuarios a hora de definir o custo da praza. A Deputación financiará ata un máximo de 600 euros. No caso de que esta cantidade sexa insuficiente, o organismo provincial achegará o déficit económico nos centros dos Concellos de menos de 5.000 habitantes por seren os de menos recursos económicos. Se os municipios contan cunha poboación maior, este déficit asumirao o Concello. Isto garante o acceso universal de todos os lucenses ás residencias e centros públicos da Deputación nos concellos.

Vantaxes

Campos Conde explicou as vantaxes dos centros de maiores da Deputación nos Concellos con respecto aos públicos da Xunta de Galicia e apuntou: 1.- “Os veciños non terán que esperar tanto tempo pola súa praza, pois non entrarán nunha bolsa autonómica, agardando meses e meses pola súa praza, cando chega”. 2.- “Os veciños terán praza no seu propio Concello ou nun limítrofe, non tendo que abandonar o seu entorno habitual. Moitos veciños están hoxe en residencias incluso doutras provincias”. 3.- “Garantimos o acceso universal de todos os lucenses aos centros de maiores con independencia da súa capacidade económica”.

Valoración dos Alcaldes

O Alcalde de Ribadeo destacou que “o Concello de Ribadeo é o único destes municipios que non estaba dentro da rede pública de residencias e centros de día da Deputación nos Concellos. Foi feita dende a responsabilidade municipal, cunha imprescindible achega do organismo provincial de 2,3 millóns de euros porque a Xunta de Galicia tampouco quixo colaborar. Quero destacar tres aspectos que me parecen fundamentais: a colaboración verdadeira entre dúas institucións locais, como é o caso de Ribadeo e deste outro Concello grande como é a Deputación para, desde o respecto de que a competencia nesta materia a teñen os Concellos, a colaboración e a cooperación, tanto técnica como económica da Deputación, vai facer posible que os usuarios, que os nosos veciños, teñan dereito a un acceso universal de primeirísima calidade e que ninguén vai a ser vetado destas residencias públicas, aínda que non teñan recursos económicos. Os que teñan recursos económicos pagarán. E os que non os teñan, a Deputación e os Concellos asumirán esa diferenza”.

“Por outra banda, isto é radicalmente distinto o que fai a Xunta de Galicia. Eu sei que veciños de Ribadeo queren pedir unha praza e a Xunta asígnalles, por exemplo, unha praza igual na Coruña ou en Quiroga, a 2 horas de distancia das súas casas. Isto cambia radicalmente. Con isto terán preferencia os veciños do noso Concello, seguidamente os da nosa bisbarra e se quedan prazas os da provincia. Ao mesmo tempo, creo que é moi importante establecer un tipo razoable e homoxéneo de prezo. E hai outra cousa importante, que é facer todo de acordo coa legalidade, de acordo cos técnicos xurídicos e funcionarios habilitados de carácter estatal que din por onde hai que levar este tema”.

“O Concello de Ribadeo quere estar onde hai seguridade xurídica e a seguridade xurídica absoluta e plena está na Deputación, na matriz. E non o digo eu, o din os técnicos, os interventores, os secretarios, todos os habilitados e non avogados de pago, que lles pagan e din o que ti queiras. Nós facemos caso aos que a lei manda facer caso. Así que, polo tanto, nos próximos días, todos os Concellos temos convocados os plenos para aprobar o convenio marco e a partir de aí haberá uns convenios específicos. Pero quero valorar, que como vedes, hai diferentes cores, pero esta é a política de verdade, de colaboración e de cooperación, que debería haber entre as institucións. Eu teño moito que dicir malo da Xunta de Galicia, que non se portou ben cos veciños de Ribadeo porque non quería que isto existira. E agora vai existir, vai a funcionar e vai a funcionar moi ben”.

O Rexedor de Pedrafita do Cebreiro apuntou que “como Alcalde que son non me queda máis que agradecer todo o esforzo que levan feito na obra a Deputación; todo o esforzo á hora de poñela en funcionamento, tanto deste Presidente como do anterior. Esta sí é unha verdadeira aposta polo rural. Por exemplo, os meus veciños nunca pensaron que en Pedrafita puidese haber unha residencia publica e agora, grazas á Deputación, haina. A súa posta en funcionamento, cobre a pensión que cobre cada veciño, está garantida; tanto pola Deputación, que as financiará na súa maioría, como polos propios Concellos. Isto é algo que non debe pasar en ningún lado de España que, cobrando a pensión mínima, poidas ir a unha residencia. Hoxe é un día moi importante, pero máis importante será cando se abre e cando entren os primeiros veciños. Como Alcalde que son, nunca soñei con isto; e agora podo facelo: soño con este compromiso, soñarei co convenio e soñaremos que, nun prazo rápido, se poida abrir. Esperemos que ninguén nos poña trabas, xa que se non puxeron cartos, polo menos que non poñan problemas e a Xunta nos conceda os PIA. Gracias Presidente. Isto si que é unha aposta polo rural”.

Os Alcaldes sobre os PIA

Preguntados polos PIAS, o Alcalde de Ribas de Sil apuntou que “si se autoriza a apertura dunha residencia que mañá pasa a ser de titularidade do Concello, o permiso é o mesmo. Salvo que alguén queira enredar.” O Alcalde da Fonsagrada engadiu que “se a Xunta ten outorgado o PIA ese é para a residencia, independentemente de cal sexa o tipo de xestión. Se se cumpre, cumpre para todos e os permisos hai que entregalos de maneira inmediata para que poidamos prestar esa atención de calidade e próxima, unha atención que dende os Concellos levamos pretendendo facer moito tempo e, neste caso, na Fonsagrada foi un proceso moi longo, con moitas vicisitudes xa antes da súa construción e durante ela tamén. É de agradecer que isto acabe dunha vez, que se poida facer dunha maneira legal para que as cousas a partir de agora vaian sobre rodas e que o servizo sexa para os nosos maiores. Temos unha poboación moi envellecida. E, por suposto, garantir, como dixo o Presidente, que haxa un prezo razoable, asumible para todos aqueles que necesiten entrar na residencia. Eu estou plenamente satisfeito por asinar hoxe este Protocolo, creo que é un paso adiante. Houbo reunións nas que os secretarios e interventores puideron opinar. A coincidencia de opinión que houbo faime pensar que imos polo bo camiño e que máis cedo que tarde imos abrir os centros con toda a legalidade”.

A Alcaldesa de Trabada apuntou que “o Concello de Trabada conta con este PIA que, por certo, a Xunta notificou máis tarde ao Concello, despois de que saíra unha nota de prensa do Partido Popular de Trabada. Non cremos que vaia haber ningún retraso, todos os Alcaldes que estamos aquí, polo feito de darnos a oportunidade de participar e a posibilidade de que se reuniran cos técnicos dos nosos Concellos, danos a seguridade de que o estamos facendo conforme á lei, que é a única forma de abrir as residencias e darlle o servizo aos nosos veciños. Evidentemente, temos que cumprir a lei e temos que pensar nos nosos veciños, que teñen unha pensión baixa, pouco máis que a mínima, e garantir o acceso a ese servizo con independencia da súa situación económica. Aquí non hai ningún conflicto persoal con ninguén, e falo agora como Deputada, a min cónstame que o Presidente lle ofreceu ao Presidente de Suplusa que el mesmo as levara dende a área da Vicepresidencia da Deputación, porque no que coincidimos todos os que estamos aquí sentados e en que queremos prestar o servizo xa, pero queremos facelo conforme á lei e cunha certa estabilidade do servizo, porque esto non é como un área recreativa que quede sen desbrozar, falamos da atención a persoas, que ten que ser diaria, constante e de calidade”.

Etiquetas