Xornada de billarda pasada por auga en Pol

Xa tardaba en chegar a décima xornada da Liga Norleste de billarda. A choiva non deu tregua neste sábado 24 e obrigou a xogar cunha man no paraugas e outra no palán, e a chuvia non foi quen de deslucir esta xornada. Así, o aberto de billarda A ceo aberto aconteceu na carballeira de Mosteiro, Pol; coa mesma participación que os anteriores abertos. Incluso houbo un varado, algo difícil de ver con esas condicións meteorolóxicas, feito por Ángel do equipo Billarda Verde, de Castroverde.

Desta volta foi un claro dominio chairego, xa que na categoría absoluta o gañador foi Charly, dos Carabullo da Ponte de Outeiro, que con este resultado case deixa sentenciada a liga a falta de dúas xornadas.

O segundo posto foi para Xosé Regueiro, de Baltar, e terceiro para Pepe, tamén de Outeiro, aínda que xoga nos Chainzos-Cadaval de Castro de Rei.

Na categoría de equipos, os gañadores foron os Chainzos-Cadaval, seguidos de Troitas Bravas e Carabullo que empataron no segundo posto.

O seguinte aberto A terra non se vende será o 21 de abril no campo da festa da Ponte de Outeiro.

 

 

Etiquetas