Raul Río será distinguido Trapeiro de Honra o día 7 de abril

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños  investirá a Raúl Río Díaz como Trapeiro de Honra 2018 o día 7 de abril. Esta convocatoria, que chega á súa quinta edición súmase así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Díaz Castro e dos Vilares; grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

A figura de Raúl personaliza neste premio a homenaxe aos emigrantes daqueles anos 60 e 70 que se viron obrigados a saír a gañarse a vida polas dificultades de tempos escuros do franquismo abandonando o rural para buscar o sustento en zonas industrializadas; pero tamén a todos os loitadores comprometidos coas súas orixes e coa súa cultura. Un premio que agradece a Raúl e á multitude de traballadores o seu amor pola patria e polo rural chairego e galego.

O acto de entrega da V edición do Premio Trapeiro de Honra ao vilarego Raul Río terá lugar nun acto que se celebrará na igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, o seu lugar de nacencia, coa presenza de numerosos amigos e veciños.

O acto será o sábado 7 de abril ás 18:00, coa participación de Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de Soños, que farán as presentacións, a poeta da NPG Mar Beres, a artista chairega Isabel Pardo, o crítico literario Armando Requeixo, os xornalistas Man Castro e Xulio Xiz, familiar e amigo de Díaz Castro respectivamente, os músicos Mini Rivas e Mero Iglesias, o museólogo Felipe Senén, os cregos amigos Xaquín de Roca e Alfonso Blanco de Xermolos e o acordeonista de Lanzós Manuel Figueira que amenizará o acto acompañado dun flautista.

No mesmo acto faraste entrega do Premio a Raúl Río da figura representativa deseñada pola artista Viki Rivadulla e tamén ás familias dos dous galardoados anteriores, Pepe de Cristos (2016) e Asunción dos Ares (2017). Figuras únicas realizadas a man e Sen moldes e cos nomes de cada premiado.

Posteriormente haberá unha cea cos intervintes e amizades de Raúl no restaurante O’Korreo de Guitiriz.

Etiquetas