Porto de Vigo reutilizará a antiga nave de Frioriz para centro de distribución

A empresa Centro Loxístico Porto de Vigo utilizará as antigas instalacións de Frioriz en Guitiriz para instalar o seu centro de distribución de pescado dos distintos portos de Galicia.

Esta empresa viguesa reutilizará a superficie existente e en desuso actualmente consistente en 4.000 metros cadrados e catro cámaras frigoríficas, unha delas completamente robotizada, con capacidade para 4.000 toneladas de pescado conxelado.

As previsións son comezar a traballar no mes de maio e contratar a tres persoas de forma permanente e outras tantas con contrato eventual. As empresa indicou que se prevé que pasen por Guitiriz preto de 51.000 toneladas de pescado no seu primeiro ano de funcionamento.

A nave está situada no polígono de Guitiriz, na parroquia de Santa Mariña xunto á Nacional VI, motivo polo que este centro, ademais de contar xa coas instalacións necesarias, decidiu optar por Guitiriz como futuro centro de loxística. Atópase moi próximo a A-6 e á A-8 e moi próximo e ben comunidado cos grandes portos de distribución de pescado, como Vigo, Marín, Ribeira, A Pobra, A Coruña, Burela e Viveiro.

A recuperación desta instalación, que no seu momento impulsaron empresas da Mariña, supón un espaldarazo importante para o Concello de Guitiriz e para o seu polígono, especialmente para poder recuparar a actividade nunha gran instalación. A alcaldesa, Regina Polín, indicou tamén que deu licencia para unha planta de formigón no mesmo centro de negocios e poder recuperar tamén outras instalacións en desuso como son as de Ferrosnet.

Etiquetas