Todo listo para a celebración esta fin de semana da Feira do Queixo San Simón

O Concello de Vilalba acollerá a primeira fin de semana de abril unha nova edición da Feira do Queixo da San Simón da Costa, que leva aparellado un concurso de tapas cunha gran relevancia e onde o prato estrela é este lácteo de fama internacional.

O concurso, no que participaron 38 locais da capital chairega xa rematou pero haberá que esperar ao sábado para ver cal será a tapa gañadora, xa que haberá catro semifinalistas de cada categoría (tradicional e creativa) que prepararán esta tapa en directo e ante un xurado  formado por un representante do Concello, outro da Denominación de Orixe e dous cociñeros elixirán á mellor.

As finalistas foron, en tapas creativas A Nova Ruta, A Taberna Guerrero 2.0, Parador e Mesón do Campo; e en tapas tradicionais: Siglo XX, O Barrio, Bar Vanesa e Estudiante.

O xurado escollido para saborear estas tapas será Antonio Díaz, do Restaurante Andarubel de Pontedeume; Eva Arba, do Restaurante Bido de A Coruña; Jacobo Santeiro, do Mercado Street Food de Lugo; Chery Grandío, concelleira de cultura de Vilalba e un queixeiro ainda por designar.

Como en anos anteriores haberá dous días de feira, o 7 e o 8 de abril, e desenvolverase na praza da Constitución, onde se colocarán os stands de artesáns e produtos gastronómicos que todos os anos completan o panorama festivo.

O pregón deste ano estará a cargo de Jorge Gago, cociñeiro do restaurante santiagués A Maceta, que dará o pistoletazo de saída oficial ás 19.00 horas. Este profesional da cociña, de tan só trinta anos de idade, gañou no Forum Gastronómico o premio Cociñeiro Novo 2017.

Xa ás 16.30 horas do sábado terá lugar un obradoiro de cociña infantil a cargo de Esther, a gañadora de MásterChef Júnior 5.

O domingo haberá dúas sesións de showcooking diferenciadas. Ás 12.00 horas será a vez de Diego López do Restaurante Bulló, que sustituirá a María Varela, do Restaurante A Parada das Bestas, e ás 13.30 tocaralle a Yayo Daporta, do restaurante do mesmo nome, posuidor dunha estrela Michelín.

DATOS. A Denominación de Orixe Protexida superou o ano 2017 o medio millón de queixos elaborados, unha cifra histórica que lle permitiu á DOP unha facturación de 3,5 millóns de euros.

As 515.998 unidades de queixos vendidas o ano pasado supuxeron un incremento do 4,2% respecto ao ano pasado, no que se certificaron 495.206 unidades.

Actualmente, a denominación conta con dez queixerías funcionando tras a baixa o ano pasado dunha delas, pero eso non significou unha merma na producción, que aumentan en quilogramos, pasando de 454.901 a 480.687 do pasado exercicio.

No tocante á facturación, as dez produtoras (oito do Concello de Vilalba, unha de Abadín e outra de Castro de Rei) sumaron en total 3.499.344  euros fronte aos 3.311.680 do ano anterior.

Etiquetas